A cidade departamental: entre Tutmose III e o Londres victoriano

  A nosa historia comeza na cidade exipcia de Heliópole, a cidade do Deus Sol, hai 3470 anos. Reinaba nese intre o faraón Tutmose III, quen decidiu erixir arredor do templo do astro-rei da susodita urbe un obelisco de 21 metros de altura e de 203 toneladas; todo el extraído dunha única peza de granito vermello de Asúan. En cada face do monolito, como era de costume, o faraón mandou gravar unha serie de xeroglíficos que, dous séculos máis tarde, foron flanqueados por aqueles que Ramsés II mandou insculpir no mesmo monumento.

Inscripcións xeroglíficas de Tutmose III e de Ramsés II. 

  En torno ó cambio de era, os obeliscos do templo do Sol  foran movidos cara Alexandría para formaren parte do Caesareum. Este era un templo erixido por Cleopatra VII (derradeira gobernante da Dinastía Ptolemaica) e dedicado a Xulio César; pai do seu fillo Ptolomeo XV, máis coñecido polo nome de Cesaríon. Mais por entón, Exipto xa estaba en mans do faraón e princeps de Roma, César Augusto.
  Nalgún intre do Exipto romano, estes gardiáns pétreos do Caesareum viñéronse abaixo e foron engulidos polas areas do deserto; que axudaron a preservar as súas inscricións.

Reconstrución do Caesareum.

  O tempo foi pasando. Exipto entrou na órbita musulmá; sucedéndose nesa terra os fatimidas, os ayubíes, os mamelucos e, finalmente, os turcos otomanos. Situámonos no ano de 1819. Por entón mandaba en Exipto o gobernador Muhammad Alí. Este, con motivo da vitoria dos británicos sobre Napoleón, decidiu agasallar ós mesmos có obelisco desta historia. Non esquezamos que os franceses tiñan invadido Exipto en 1798 e que, por esta razón, o país do Nilo entrou na órbita dos poderes occidentais; especialmente Gran Bretaña. Malia o presente, semella que os gastos de envío eran desorbitados (hai que ter en conta o que supuña botar unha mole de pedra como aquela e facela chegar a miles de kilómetros da súa terra de orixe); quedando adiado o seu transporte durante case sesenta anos.

Retrato de Muhammad Alí por Auguste Couder (1840).

  Foi en 1877 cando o anatomista e dermatólogo Sir William James Erasmus Wilson patrocinou o seu transporte cara Londres. A través da suma de 10000 libras, e seguindo os consellos do enxeñeiro ferroviario Mathew William Simpson, o monumento foi retirado das areas onde aínda repousaba e inserto nun grande cilindro de ferro duns 28 metros de longo e de 4,9 metros de diámetro. A este enxeño chamóuselle Cleopatra. Malia contar con mastro e velas, e por razón da pesada carga, o Cleopatra tería que ser remolcado polo buque a vapor Olga coa fin de chegar á metrópole europea.

O Cleopatra en construción.
Cleopatra's needle being brought to London (circa 1877)

  A viaxe do Olga desenvolveuse sen problema ata que, o 14 de outubro de 1877, o remolcador viuse sorprendido por unha tempestade perto do Golfo de Biscaia. Dada a violencia do mar, o Cleopatra volveuse incontrolábel, virando sobre si mesmo e levándose as vidas de 6 tripulantes. Ante todo isto, o capitán da nave remolcadora viuse na obriga de abandoar ao Cleopatra no mar. Malia que se deu o enxeño por perdido, este e a súa prezada carga proseguiron a flote ata que foron atopadas polo navío mercante inglés Filimaurice (1) ao carón das costas galegas; en concreto, á altura do Cabo Ortegal. Có Cleopatra recuperado, o mercante puxo rumbo ao porto no que o obelisco de Tutmose III tería que repousar ata novo aviso dende Londres. Este porto era, nin máis nin menos, que Ferrol. 

Portada de xornal coa recreación do abandono do Cleopatra no Golfo de Biscaia.

  Entre outubro e xaneiro estivo o Cleopatra na cidade departamental; agardando a que en Reino Unido se arranxase o acordo para que a compañía responsábel do transporte fixésese cargo novemente da operación. Este  foi o asunto que estivo detrás da súa demora en costas galegas; dado que o contratempo xerara custos adicionais que, de primeiras, non se querían contraer. Coma transmite unha nova da época: `¿Quién les había de decir á los Faraones que, al cabo de tantos siglos, uno de sus monumentos andaría por esos mares, visitando "el sólo" puertos como el del Ferrol, donde lleva ya algunos meses de permanencia (...)?´.


Nova de 'El Siglo Futuro. Diario católico', Martes 30 de Octubre de 1877, Año II, nº 624, p. 3


  Finalmente, o 16 de xaneiro de 1878 saía o Cleopatra da Ría de Ferrol remolcado polo buque Anglia. O obelisco de Tutmose III chegou o 21 de xaneiro a Londres baixo a grande algarabía que suscitaba a súa chegada, convertida en todo un fito da Inglaterra Vitoriana. A súa erección tivo lugar o 12 de setembro do mesmo ano, permanecendo dende entón ao carón do Río Támese. A día de hoxe, coñécese polo nome de A Agulla de Cleopatra (Cleopatra's Needle); confundindo aos que escoitan seu nome, pensando que o mesmo provén da derradeira gobernante da Dinastía Ptolemaica no canto do enxeño que a trouxo dende Alexandría entre 1877 e 1878. 

Nova en 'El Siglo Futuro. Diario católico', Lunes 23 de Septiembre de 1878, Año III, nº 867, p. 3

Localización actual da Cleopatra's Needle xunto ao Támese.

  Deste xeito, temos tratado un episodio que de novo volve poñer en relevo o vínculo de Ferrol coas rutas marítimas; amosando que cousas que fican tan lonxe no tempo e no espazo pódense relacionar con esta cidade costeira galega. Non queremos rematar estas liñas sen destacar que actos coma o do translado do obelisco de Tutmose III son unha proba máis do latrocinio do Imperialismo occidental, e que, malia que poida constituír un episodio interesante para coñecer, non sería axeitado defender tales posturas no noso tempo. 


  NOTAS
  1- Transcrición do nome Fitzmaurice.

  FONTES HEMEROGRÁFICAS

  Biblioteca Virtual de Prensa Histórica

  ENLACES DE INTERESE

'Cleopatra's Needle', entrada da Wikipedia en inglés.


Comentarios