Sudistas e yankees no Golfo Ártabro

  Todo xorde un domingo á noitiña. Pesquisando na Biblioteca Virtual de Prensa Histórica do Ministerio de Educación Cultura e Deporte (faga clic aquí) mediante o termo `Ferrol´, aparece unha noticia que nos di o seguinte:

Correo de provincias, La abeja montañesa. Periódico de intereses morales y materiales.Sábado 18 de febreiro de 1865, p.1

  De inmediato, vennos ó recordo unha imaxe que viramos fai tempo argallando nos arquivos dixitalizados da Congress Library (faga clic aquí). Trátase da seguinte imaxe:


Confederate ironclad (1) Stonewall at Ferrol, Spain, March, 1865

  Así pois, foi posible eliminar toda dúbida acerca da correcta localización da imaxe, confiando nos dous documentos á hora de ubicar ó Stonewall neses meses de 1865.

  A pregunta que xorde é obvia: de que xeito arribou este buque confederado ó porto de Ferrol?

  Antes de contestar esta cuestión, temos que facer unha reseña do buque no que nos centramos. Chamado orixinalmente o Sphynx, este buque, xunto có seu irmán o Cheops, formou parte dun tratado secreto entre os Estados Confederados e o II Imperio Francés có obxectivo por parte dos primeiros de lograr romper o bloqueo marítimo da Unión. Deste xeito, comezáronse a armar separadamente entre Francia e Inglaterra e, para agochar aínda máis a participación francesa no conflito civil norteamericano, foron bautizados cós nomes que fan mención á terra dos faraóns para xustificar que eran un pedido para a armada exipcia (2). Pese a tódalas precaucións, a Unión decatouse deste pacto e obrigou a Francia a non entregar os buques á Confederación. Isto último non foi impedimento para que o seu creador, Lucien Arman, vendéraos ilegalmente a Prusia (o Cheops, chamado agora Prinz Adalbert) e a Dinamarca (o Sphynx, que pasa a ser o Staerkodde); que nese momento, 1864, libraban unha guerra polos ducados de Schleswig-Holstein. Centrándonos no Staerkodde, os desencontros entre Arman e o goberno danés (relativos ó pago de compensacións polo retraso da entrega e os defectos atopados no buque) levará á entrega, tal e coma se acordara nun primeiro momento, ós Estados Confederados de América. É neste momento cando pasa a chamarse Stonewall e é posto baixo o mando do capitán Thomas Jefferson Page, partindo dende Copenhage en xaneiro de 1865. Iníciase unha viaxe para chegar a augas americanas que recalará en varios portos de Europa, entre eles Ferrol, parada destacada dadas as reparacións e consecuentes probas que precisaba o navío.

O Stonewall en dique seco, probabelmente en construción na Francia. Sacado de The Late Unpleasantness: A Civil War Blog.

  Deste xeito, en febreiro, o Stonewall acubillouse na ría, comezando o proceso de posta a punto que, según nos informa Nicolás Fort y Roldán en 1898 (3), rematou xa o día 14 de dito mes. O Stonewall íase facer á mar cando, nin transcorridas as vinte e catro horas, apareceron os buques da Unión Niagara e Sacramento. O feito espertou a preocupación dos habitantes da costa, posto que se corría o risco de que, de non respectaren o marco dun terceiro estado, a Guerra de Secesión trasladaríase ó entorno do Golfo Ártabro (4). Ó longo do período que vai de febreiro a marzo, os buques limitáronse a se mirar de reollo, en palabras de Fort y Roldán. Até que o 14 de marzo saíron os federais e foron cara a ensenada de Cariño, retando ó Stonewall a seguírelles. Thomas Jefferson Page, en lugar de saír ó seu encontro, reclamou por medio do cónsul que se detiveran ó Niagara e ó Sacramento, cousa que non se cumpriu pola Capitanía atendendo á situación de guerra entre os dous bandos; sendo isto comunicado o día 20. Ante a negativa, o buque confederado dispúxose a saír da ría o día 21, escoltado polo buque español o Concepción, que o acompañaría até augas internacionais. Semella que houbo curiosos que dende Montefaro e Monteventoso non se quixeron perder o suceso, cun certo morbo de seren testigos dunha escena de combate naval (5). Así, ás dúas da tarde, saíron o Stonewall e o Concepción da ría e, unha hora máis tarde, o Niagara e o Sacramento dende o porto da Coruña. Sen embargo, pouco despois de deixar o buque español ó confederado en augas neutrais, revirou este último dende o Prioriño e voltou sobre as cinco á ría ferrolá. Os federais, deron tamén volta, pasando pola Ría de Ares previamente ó seu atraque na cidade herculina. Os norteamericanos, grises e azuis, aludiron ó mal tempo coma causa destas viraxes (6)(7). Dous días despois, repetiuse a operación do Stonewall xunto o Concepción, e, de novo, os federais saíron na súa busca. Outra vez, o Stonewall deu volta e volveuse refuxiar na ría, aludindo a unha avería; o Niagara e o Sacramento fixeron o mesmo na Coruña (8). O día 24 voltou saír o Stonewall ás dez da mañá. Separouse do Concepción ó chegar a augas neutrais, manténdose fixo a certa distancia da costa. Ás doce saíron da Coruña os dous buques federais, considerándose que agora si que se produciría un choque entre navíos (9). Cousa curiosa acontecería cando os federais deron volta e dirixíronse cara o sur, deixando de verse cara as sete da tarde (10). Tal e coma di Fort y Roldán, debeu ser abriante días despois (29 de marzo) para os unionistas atoparse detrás do Stonewall cando alcanzaron as costas de Lisboa; onde, o goberno portugués, para impedir a tensión que acontecera en Ferrol, deu tres salvas de canóns dende os fortes costeiros advertindo e impedindo ó Niagara e ó Sacramento saíren tralo buque confederado que deixara porto pouco antes. Terían que agardar 24 horas de marxe (11).

Ilustración en prensa acerca do suceso de Lisboa. Sacado de NavSource Naval History

O Niagara. Sacado de Wikipedia.

O Sacramento. Sacado de NavSource Naval History.

  Dende Lisboa, o plan de Thomas Jefferson Page era atacar á poboación de Port Royal en Carolina do Sur, onde neses momentos se atopaba a base do xeneral Sherman na ocupación dese estado que fora o primeiro en declarar a secesión da Unión en decembro de 1860. Seguindo ese plan, arribou o 6 de maio a Nassau, capital das Bahamas, onde recibiu noticia da fin da guerra (9 de maio) uns días despois. O Stonewall foi vendido ó capitán xeral de Cuba, sendo despois comprado pola Unión e mantido en porto até a súa venda ó Xapón en 1868-1869, pasándose a chamar Kōtetsu. Con este nome participaría nas guerras orixinadas pola Restauración Meiji até a súa reconversión nun buque de servicio portuario en 1888. 

  Segundo se di, este buque foi prácticamente insumerxible nunha época no que estes modelos ironclad aínda combatían contra os vellos cascos de madeira (12). 

  O caso do Stonewall dános a oportunidade de reflexionar acerca de cuestións tan actuais coma a intervención de certos estados nos conflitos doutros ou sobre o substancioso  negocio internacional das armas. Aínda a día de hoxe fabricar buques de guerra para que un segundo país bombardee a un terceiro segue a ser cousa rendíbel.

  Coma se pode ver, un episodio anécdotico nun recuncho do noroeste pódenos levar a percorrer grandes distancias. 

NOTAS:

1- Ou buque blindado. Deseñados por Francia a finais da década dos 50 e pronto imitado polos británicos, a primeira proba de fogo deste tipo de navíos foi, precisamente, a Guerra de Secesión (1862-1865).
2- Lembrar que neses momentos o II Imperio Francés tiña baixo a súa influencia ó pachá (gobernador nominalmente vinculado ó sultán de Constantinopla) de Exipto. É o momento no que Lesseps prepara as obras para o Canal de Suez. 
3- FORT Y ROLDÁN, N., Los yankees en el Ferrol, El Correo Gallego. Diario monárquico, Domingo 17 de abril de 1898, p.1.
4- `(...) las dos poblaciones [Coruña e Ferrol] están preocupadas con la proximidad de este espectáculo.´En: Primera edición, La correspondencia de España. Diario universal de noticias. Eco imparcial de la opinión y de la prensa, xoves 23 de marzo de 1865, p.2
5- FORT Y ROLDÁN, N., Los yankees ... Op. Cit.
6- Ibíd.
7- Aparte do artigo moi posterior de Fort y Roldán, temos constancia de que os feitos do 21 de marzo producíronse dese xeito a través doutras publicacións coetáneas ó suceso. Coma se verá, podemos pensar que o Stonewall non se quería arriscar, efectivamente, a un tempo adverso ó estar nunha situación compricada dadas as recentes reparacións. No caso dos buques federais, malia a súa xustificación por causa do tempo, e máis probable que se tratara dun respeto ó buque blindado ó posuír este unhas mellores características para o combate. Primera edición... Op. Cit.Sección política, La Libertad. Periódico moderado, xoves 23 de marzo de 1865, p. 2, Despachos telegráficos, La Abeja Montañesa. Periódico de intereses morales y materiales. venres 24 de marzo de 1865, p. 2 e Sección de noticias, Diario de Córdoba: de comercio, industria, administración, noticias y avisos, sábado 25 de marzo de 1865, p. 2
8- As continuas idas e voltas do Stonewall motivaron as queixas dos EE.UU. cara o capitán xeral do departamento, acusándoo de colaborar cós confederados. Este se defendeu aducindo ó provisional da estancia do buque sudista e ós problemas có tempo para deixar a ría. Sección política, La Libertad. Periódico moderado, domingo 26 de marzo de 1865, p. 2 Diario de Córdoba: de comercio, industria, administración, noticias y avisos, martes 28 de marzo de 1865, p. 2
9- Primera edición, La correspondencia de España. Diario universal de noticias. Eco imparcial de la opinión y de la prensa, sábado 25 de marzo de 1865, p.2
10- Nalgunhas publicacións de época lemos sinxelamente que os federais non saíron de porto o 24 de marzo. Véxase coma exemplo: Sección política, La Libertad. Periódico moderado, domingo 26 de marzo de 1865, p. 2. Pese a isto, damos máis creto á súa saída, posto que, comprobando outras publicacións, existe constancia do seu movemento o día 24, tal e coma tamén nolo transmite Fort y Roldán. Véxase coma exemplo: Sección de noticias, Diario de Córdoba: de comercio, industria, administración, noticias y avisos, martes 28 de marzo de 1865, p. 2
11- Primera edición, La correspondencia de España. Diario universal de noticias. Eco imparcial de la opinión y de la prensa, xoves 30 de marzo de 1865, p.3 e FORT Y ROLDÁN, N., Los yankees ... Op. Cit.
12- Facemos unha última nota aludindo de novo á nota sete para remarcar máis, se cadra, as características punteiras do Stonewall no seu contexto.

FONTES SACADAS DE: 

Biblioteca Virtual de Prensa Histórica

Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia

Library of Congress

Wikipedia



Comentarios