Cando unha pantasma percorría as rúas de Canido


    Os sucesos en cuestión dos que queremos falarvos hoxe son relatados polo novelista e historiador ferrolán, Benito Vicetto, que os recolle no seu monumental compendio sobre a Historia de Galicia. 

Tales feitos lévannos ao Ferrol do século XIX, cara mediados dos anos 20 desa centuria,  e máis concretamente ao barrio de Canido. Sendo o protagonista dos mesmos o destacado persoeiro, tamén ferrolán, José Alonso López. Ou máis ben, deberíamos dicir que son protagonizados polo seu espíritu, xa que, cando se producen os feitos a nosa persoaxe xa morrera.

Máis, antes de comezar con este relato, quizáis fora convinte falarmos un pouco sobre a vida de Alonso López e dos méritos acadados nela, os cales lle fan merecedor da denominación de ilustre persoeiro de Galicia, pero que, tamén,  explican os acontecementos que se produciron posteriormente.

José Alonso López y Nobal nace en Ferrol no ano 1763, coincidindo, polo tanto, o seus primeiros anos có período de desenvolvemento da construción naval na ría. Son estes anos nos que, ao abeiro do arsenal e os estaleiros, a vila de Ferrol convírtese nun importante centro industrial, que sofre un crecemento demográfico expoñencial, acadando unha poboación de 20000 habitantes, o que fai dela o núcleo urbano máis poboado de toda Galicia.  Ferrol é un pó de atracción de poboación, como, ao seu pesar, constatan as autoridades doutros núcleos galegos, que ven decrecer a súa poboación ao marchare a mocidade cara esta vila. Así poís, en Ferrol converxen xentes de diferentes procedencias, tanto a nivel xeográfico como social, traendo con elas novas ideas e maneiras de entender o mundo. Este ambiente dinámico, é o vieiro propicio para que xermole unha figura como a de Alonso López.

Nos seus anos de xuventude cursa estudos elementais e humanísticos nunha escola de navegación, tralo cal ingresa na Armada como piloto.  Xa no ano 1792 é destinado ao Observatorio Astronómico da Academia de Gardamariñas de Ferrol, onde imparte clases de matemáticas. Precisamente, a Academia de Gardamariñas, creada na liña das reformas borbónicas, coas que estes monarcas pretenden dotarse dunha mariña moderna, será un centro de coñecemento científico e de transmisión do saber.

No ano 1803 Alonso López abandoa a Academia para ocupar o cargo  de Comisario da Inspección Xeral de Camiños do Reino da Galicia, profesión que continua exercendo en anos vindeiros. Máis, sera neste comezo do século cando aconteza o grande evento que trastorne a vida do noso persoeiro.

 A ruptura que supón a invasión francesa  repercute  con forza na traxectoria de Alonso López, que agora abandoa a súa escura vida previa, para dar comezo a unha intensa actividade política. Participa decididamente na insurrección contra os franceses, como membro da Xunta Local de Ferrol; vila que, finalmente, ten que abandoar cando é tomada polas tropas napoleónicas. Mais non cesa na loita, en 1810 resulta elixido como vogal da Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa de Galicia, e, nese mesmo ano, recibe o cargo de deputado nas Cortes en representación da Xunta de Galicia. Na cidade de Cádiz amósase como un acérrimo liberal, a favor de derrubar o Antigo Réxime, avogando de maneira contundente pola abolición dos señorios e contra o clero.

Có retroceso social e político que supoñe o retonar de Fernando VII e a Restauración, Alonso López regresa a Galicia e ao seu antigo desempeño como Comisario de Camiños. Máis, chegado o momento oportuno retoma o seu labor político. Participa na sublevación liberal que desemboca no periodo coñecido como Trienio Liberal, uníndose unha vez máis a Xunta Local de Ferrol, e ocupando de novo o cargo de deputado nas Cortes. Cabe salientar que nestes anos publícase a súa grande obra "Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca"  Compendio enciclopédico de espíritu ilustrado, no que aborda diferentes áreas do coñecemento ( economía, xeografía, botánica historia...)  có propósito de que esta serva como piar da acción política.

Os ano finais da súa vida veñen marcados pola decepción, o illamento e a persecución por parte daqueles inimigos que as súas posición liberais e revolucionarias lle granxearan, e que, agora, trala irrupción dos Cen Mil Fillos de San Luís, voltaban ao poder có desexo de axustar contas.

A morte chega entón para José Alonso López e é precisamente aquí, ao final da súa vida, onde comeza os sucesos que hoxe queremos relatarvos. 

Comenta o seu biógrafo, Emiliano Balás, que apenas morto Alonso López, os seu inimigos non tardaron en cobrarse a súa vinganza, a súa biblioteca foi reducida a cinzas por instancia do párroco local que se persoa na súa casa apenas falece este.

Máis, aínda un castigo maior parece que lle fora resevado ao eminente persoeiro. Así poís, extendeuse o rumor por Ferrol de que tódalas as noites a ánima de Alonso López viña doutro mundo e vagaba polos os arredores da súa casa, situada perto do Cruceiro de Canido, isto hasta teres purgado os seus pecados, por teres sido un liberal e un despreocupado. 

E algo debía de haber de certo, pois en Canido cada noite albiscábase unha forma misteriosa, sumamente elevada, de cuxa cabeza emanaba unha luz, que portaba na súa man unha campaiña e que o seu paso emitia un queixumbroso lamento.

Temos que considerar que aquel era un Canido bastante diferente ao de hoxe en día, de ámbiente rural, onde predominaban as casas de un ou dos andares, as hortas, os camiños e as corredoiras de terra,  e escasamente iluminado. Por tanto, todo isto debía favorecer máis o impacto xerado pola aparición.

Tan lonxe debía estar chegando a situación que, finalmente, ten que intervir a autoridade. Coa fin de solventar tan extraodinarios sucesos, o Xefe da Ronda aposta os seu policias entorno a Cruceiro de Canido, a espera da que o fenómeno faga a súa aparición. E, como todas as noites previas, por alí asoma a figura, co seu resplandor, coa súa campaiña e o seus queixidos. Sobre ela abatense os axentes, logrando derribala perto do canellón do Piñeiro, facendoa caer dos zancos sobre os que se alza e desvelándose por fin o misterio. Nada de ánimas vidas do alén, se non persoa de carne e oso coma outra calquera. Un axudante da praza, segundo relata Vicetto, un escurentista furibundo, inimigo dos homes de verdadeira sabiduría e dos liberais sobre todo, que fora suxestionado polo clero, hacia aqueles primores.

 Conclue desta maneira o noso relato e esta curiosa anécdota que involucra a un dos persoeiros máis destacados que ten dado a nosa cidade. Figura que, tal e como acontece noutros moitos casos, permanece bastante esquecida. Teña, por tanto, servido todo isto como pretexto para rememorala. Pero, tamén, para aproximarnos un pouquiño máis a historia da nosa cidade; a súa transformación por mor da construcción naval, que transtocou o statu quo e que xerou un ambiente propicio onde sempre prenderon as máis novidosas correntes ideolóxicas, dende o liberalismo ao obreirismo. Máis iso so é unha parte da realidade política da cidade, pois fronte a estas correntes, e en oposta dirección, están sempre presentes os sectores inmobilista, cuxos expoñentes máis ultras, aínda hoxe en día, están ben predispostos para cobrarse a súa lamentable vinganza sobre a memoria de calquera d@s célebres fill@s da nosa cidade que teña cometido o pecado de cuestionar a maneira de ser das cousas.

Comentarios