A parroquia de Doniños (Ferrol): territorio e historia

TERRITORIO


Doniños é unha parroquia que pertence ao concello de Ferrol. Limita ao norte coa parroquia de San Xurxo e Esmelle; ao oeste co Océano Atlántico, onde forma a súa fermosa praia e espectaculares cantís; ao este coa parroquia de Serantes; e ao sur coa propia entrada da ría de Ferrol e coas parroquias de Brión, A Graña e A Cabana.

Mapa das parroquias de Ferrol con Doniños marcada en vermello
Fonte: modificado a partir de http://mapas.xunta.gal/visores/basico/

A parroquia se atopa moi preto do centro da cidade, a tan so uns 4-10 km. (dependendo da zona), aínda que pola súa orografía montañosa e a súa extensión territorial (é a parroquia con máis quilómetros cadrados do concello), fai que haxa zonas que fisicamente estean bastante illadas respecto da mesma (por exemplo, O Pieiro), mentres que outras se atopen integradas na propia dinámica da cidade (por exemplo, Valón).

En canto ao relevo, destacan os seguintes accidentes xeográficos, entre outros:
  • Cabo Prioriño
  • Illas Gabeiras
  • Montes do Chá
  • Montes de Campaíñas
  • Regato do Regueiro
  • Regato dos Escorbos
  • Praia de Doniños
  • Lagoa de Doniños


Vista da praia e lago de Doniños dende Monteventoso

Segundo os datos do INE (Instituto Nacional de Estadística) no 2016 Doniños tiña 812 habitantes, nunha superficie de 19,44 quilómetros cadrados, o que equivale a 41,77 habitantes/km cadrado.


HISTORIA


ORIXE DO TOPÓNIMO

A atribución popular do nome de Doniños ven das lendas da lagoa de Doniños. A máis famosa delas narra como dous nenos viron como se afundía baixo as augas da lagoa a antiga cidade de Valverde por mor dun castigo diviño. A pesar disto, e por evolución da tradición oral, fai que esta lenda teña varias versións.

Con todo, deixando dun lado a oralidade e tradición, as fontes históricas parecen sinalar que o nome pode vir dun antigo abade do Mosteiro de Xuvia, chamado Donnino (testemuña de compras e cesións de terreos do mosteiro). Aínda que é difícil saber con exactitude a orixe do topónimo.

Aínda así, o topónimo Doniños (así como o nome dos seus principais núcleos de poboación), xa se atopan en documentos como mínimo de entre os séculos X e XIII.


Os cadrados marcados din "de baloni" = de Valón (superior) e "de mougae" = de Mougá (inferior), no Cartulario do Mosteiro de Santa María de Sobrado (séculos X a XIII)

PREHISTORIA

As terras que na actualidade conforman Doniños son unha zona poboada dende tempos remotos. Nesta área atopáronse enterramentos neolíticos de época megalítica (mámoas), como as de Mougá ou as do Monte do Chá. As mámoas son lugares onde os devanceiros enterraban aos seus conxéneres, poden ser individuais ou colectivas, teñen unha planta circular e con forma de media laranxa. Os materiais utilizados na súa creación son pequenas pedras xunto con terra, que cobren unha grande lousa. Foron construídas ao longo do terceiro milenio a.C.

Fotografía dunha das múltiples mámoas de Mougá
Fonte: foto propia de Ferrolterra Antiga

IDADE ANTIGA

Tamén hai múltiples castros, o que indica un poboamento dende a antigüidade. A modo de exemplo os castros da Croa de Fontá ou Vilasanche. Este último relacionado cunha fermosa lenda.

É máis, relacionado con estes poboamentos, en Valón apareceu o coñecido como Tesouro de Bedoya, composto por importantes pezas de xoiaría castrexa como diademas, xunto con varias aneis e moedas romanas.

IDADE MEDIA

A Idade Media é un período moi amplo, e nesta época a zona de Doniños quedou baixo a xurisdición dos grandes mosteiros como o de Sobrado ou de Xuvia (que controlaban as terras de Ferrol e a súa contorna).

Mosteiro de Xuvia
Na Baixa Idade Media as grandes familias nobres da contorna penetran nos patrimonios monacais facéndose por exemplo co control de Valón e Brión a liñaxe de García Rodríguez de Valcárcel.

IDADE MODERNA

Co crecemento da cidade por mor da actividade militar e naval, Doniños tamén vai a estar afectada. Coa finalidade de defender a ría (onde se acababan de construír o arsenal e esteleiros), decídese fortificar a cidade departamental. Entre as medidas están: ampliar os castelos de San Felipe e a Palma, así como crear unha cadea que impida a entrada de barcos; amurallar a cidade; e por último, construír baterías na entrada da ría. Esta última medida terá influencia en Doniños, onde aparece a Batería de Punta de Viñas ou a de Lobateiras.

Foto dunha zona da Batería de Punta de Viñas (actual ubicación polo traslado por mor do porto exterior)

IDADE CONTEMPORÁNEA

A comezos da Idade Contemporánea, Doniños será escenario de varios intentos de invasión de Ferrol. O primeiro motivado polo desembarco da flota inglesa en agosto de 1800, que quería facerse coa praza de Ferrol, pero que acabou en derrota. Entre os montes de Doniños e Brión tivo lugar a coñecida popularmente como Batalla de Brión, unha escaramuza para evitar a entrada inglesa. Posteriormente, houbo entre xaneiro e xuño de 1809 un intento de invasión francés.

A vida de Doniños e os seus habitantes correu paralela á actividade que xeraba a cidade, con todo Doniños non pertencía ao concello de Ferrol, senón que formaba parte do extinto concello de Serantes. E isto foi así ata 1940, cando despois dun arduo e difícil debate político e social dende finais do XIX, produciuse a anexión do concello de Serantes ao de Ferrol, creándose así os límites territoriais existentes hoxe en día.


Orde no Boletín Oficial del Estado da anexión do concello de Serantes ao Concello de Ferrol no ano 1941
Fonte: Boletín Oficial del Estado, nº 23, 23/01/1941, p. 575 http://boe.es/


Ao final da ditadura franquista comezou a fraguarse un movemento veciñal que se plasmaría durante a Transición.

Hoxe en día é basicamente unha área residencial, que depende en gran medida das actividades económicas da cidade. O sector agrogandeiro ten cada vez menos peso, desprazado polas actividades do sector servizos.

Doniños se está a reconverter en dúas direccións: un barrio turístico (fundamentalmente a zona do val de Doniños e as súas praias), con numerosas residencias secundarias de turistas, moitos deles vinculados ao surf; e un barrio "dormitorio" (fundamentalmente a zona de Valón), dada as vantaxes que ten: cercanía da cidade (onde traballa a maioría da poboación), e a tranquilidade (vivir nunha área rural sen o axetreo da urbe). Ademais, en toda a parroquia proliferan as segundas vivendas.

Na Idade Contemporánea inauguráronse monumentos tan emblemáticos como o Monumento ao Fígado ou o Monolíto do Pieiro, Dornier, entre outros.

Bibliografía:

  • GRUPO DE ARQUEOLOXÍA TERRA DE TRASANCOS (2000): "O tesouro de Bedoya: análise de localización". En Anuario Brigantino, nº 3, pp. 11-20 (dispoñible aquí).
  • LAMIGUEIRO FERNÁNDEZ, X. L. (2006): "Ascendencia e familia próxima de García Rodríguez de Valcarce o das Pontes". En Cátedra: revista eumesa de estudios, nº 13, 2006, pp. 127-157 (dispoñible aquí).
  • LETO CABIDO, B. (2005): Galicia en comarcas. Ferrol. Vigo: Ir Indo, vol. 12.
  • PIÑEIRO SAN MIGUEL, E. e GÓMEZ BLANCO, A. (1997): Así se fixo Ferrol. Ferrol: Émbora.
  • PIÑEIRO SAN MIGUEL, E. e GÓMEZ BLANCO, A. (1998): Lendas e relatos ferroláns: Émbora.
  • RODRÍGUEZ MUÑIZ, V. e RODICIO PEREIRA, L. (2016): De Gallaecia a la Eurorregión: rutas turísticas de nuestra historia. Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (dispoñible aquí).
  • RODRÍGUEZ SILVAR, X. (1990): "Doniños (Ferrol)". En Roteiros naturais da Sociedade Galega de Historia Natural. Santiago de Compostela: nº 2.
  • SÁNCHEZ CONS, J., LÓPEZ PIÑEIRO, X. A. (2009): A descuberta do patriomonio: percorridos polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Medulio Sociedade Cultural.
  • TATO, C. (2014): "Pedro de Valcárcel, poeta gallego del siglo XIV". En Revista de poética medieval, nº 28, pp. 119-142 (dispoñible aquí).

Webs:



Comentarios