Carta ao Concello: Sobre a intervención artística na capela da igrexa de San Rosendo de Ferrol

 

Informados de que na recente edición do evento anual Meninas de Canido tense feito unha intervención artística na antiga capela do cemiterio, actual Igrexa de San Rosendo, consistindo esta na realización dunha serie de murais nas paredes da mesma, e ante as posibles repercusións negativas sobre o patrimonio cultural derivadas da mesma, expoñemos primeiramente os fundamentos que nos levan a considerar que sen ten cometido un prexuízo ao patrimonio cultural no concello de Ferrol:

 


 

Contexto:

Cara finais do século XVIII a cidade de Ferrol dótase dun cemiterio, respóndese así á necesidade de ofrecer á crecida poboación novos espazos de soterramento pero, especialmente á preocupación polos efectos nocivos que os  corpos en descomposición podan ter sobre a saúde pública. De forma pioneira, óptase por romper coa secular práctica de inhumación nos adros da igrexas, e  sitúase o novo cemiterio nun lugar afastado do núcleo urbano, no alto de Canido. Así pois, a partires do ano 1776 comezan a realizarse soterramentos neste novo espazo, de tal forma que se anticipa á creación de novos cemiterios que se sitúen ás aforas das poboacións que estipulará a Real Cédula de 1787.

Nos sucesivos anos realizaranse diferentes melloras no cemiterio, entre elas a construción dunha capela entre os anos 1806 e 1808. Ocupará esta unha posición central no peche norte do cemiterio, de tal forma que as tres portas  en cruz do seu pórtico aterraplenado funcionen de acceso tanto ao templo como ao cemiterio.  A capela caracterízase pola súa sinxeleza, presentando unha única nave e planta rectangular. Destaca na súa fachada o seu frontón coroado por unha cruz e un vano que se abre en semicírculo. Sinala o catedrático Vigo Transancos o seu estilo arquitectónico “muy austero y desnudo, a caballo entre el toscano y el dórico” e o “aire serio y adusto” do seu entaboamento “a tono” có seu destino funerario. Sendo tanto a capela como o cemiterio unha versión esencialista de los planos habituales que la Academia solía asumir para poblaciones modestas” (Vigo 2005: 53) Neste senso, existen semellanzas co cemiterio mandado construír polo rei Carlos III na Granja de San Ildefonso.

Esta capela sobrevive ata os nosos días como testemuño do antigo camposanto de Canido que terminou por desaparecer trala inauguración dunhas novas instalacións en Catabois.  Nos anos 60 do pasado século a capela converterase en igrexa parroquial, polo que nestes anos levaranse a cabo unha serie de ampliacións do templo. En consecuencia, altérase a súa planta, que agora presentará forma de cruz, e prolongarase a nave orixinal, eliminándose para tal fin a sancristía que se abría na parte posterior da capela. Se ben, alén das alteracións sinaladas, conservouse o corpo da capela, a súa fachada e o pórtico ao que se lle cegou unha das súas portas.

 

Consideracións:

Estamos pois ante un templo  que conta  cuns douscentos anos de antigüidade, e que responde como temos visto aos canons artísticos e arquitectónicos da época na que foi concibido, vinculado, como se sinalou, coa arquitectura funeraria, sendo a parte conservada do relevante, dende unha perspectiva histórica, cemiterio de Canido. Por todo isto, cremos que este inmoble debe ser considerado dende unha perspectiva patrimonial, de tal xeito que calquera actuación sobre o mesmo debe axustarse a este suposto.

Neste senso, consideramos que a intervención artística feita no contexto do evento “Meninas de Canido” vai en contra dunha boa praxe dentro do eido patrimonial. Pois se altera respecto a como se vía e como foi concibida en orixe a capela, rompéndose có seu estilo sobrio fundamentado nos usos funerarios que tivera na súa xénese.

Apuntar que un evento cultural debería interactuar de maneira respectuosa co espazo no que se desenvolve e, nese sentido, procurando non impactar negativamente sobre a identidade e patrimonio do mesmo. Especialmente, como é o caso,  se o evento nace coa vontade de poñer en valor un lugar.

Ante isto consideramos que existe unha responsabilidade por parte da organización das “Meninas de Canido”, así como do Concello de Ferrol, ao ser este quen autoriza o evento e por ter competencias no ámbito da cultura e do patrimonio. Non consideramos responsables aos autores desta intervención, sendo posibles agraviados polas decisións erróneas tomadas por outros.

Solicitamos unha aclaración dos feitos dende o Concello de Ferrol, sobre o seu coñecemento dos mesmos previa realización e se, polo tanto, foron consentidos de forma consciente. Á vez solicitamos unha valoración dende a Concellería de Patrimonio.

 

 

                                                                          Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

                                                                                               08/09/ 2020

Comentarios