A media lúa érguese en Ferrol

Navío de línea Saiye, da clase Fethiye (Hovahannes Umed Bazed, 1868)

 

 Nunha entrada previa falamos da presenza na nosa ría dun acorazado dos Estados Confederados de América, isto no contexto da guerra civil (Guerra de Secesión) que se librou nos Estados Unidos de Norteamérica (1861-1865). Se ben, nesta ocasión remontarémonos un pouquiño máis atrás, cara finais do ano 1857, momento no que arriba nas nosas costas outro barco de terras ben lonxanas. 

    Pola súa situación xeográfica, pero tamén polas suas condicións naturais e infraestruturas, a Ría de Ferrol  ten sido un enclave de referencia nas rutas polo Atlántico. Así pois, ao longo da historia, embarcacións das máis diversas procedencias teñen fondeado na nosa ría. Se ben, nalgúns casos, obrigados por circunstancias alleas a propia vontade das súas tripulacións. Tal é o caso dos protagonistas do suceso que relataremos hoxe.

    Segundo sinala Aróstegui, quen recolle os feitos na súa Historia de Ferrol [1], cara comezos do mes de outubro do ano 1857 desatouse unha  forte tormenta no Mar Cantábrico. En medio deste temporal veríase atrapado un navío de guerra.  Cara o día 11 de outubro albíscase fronte ao porto de Rivadeo " un buque de alto bordo haciendo señales de socorro y disparando cañonazos de cuarto en cuarto de hora"(2) Como puideron ratificar as testemuñas, tratábase dun navío con bandeira otomana, o Fethiye(3) Máis que facía un buque da Armada otomana por estas latitudes? Para responder a esta pregunta  temos que fixarnos no contexto sociopolítico no que se atopaba inmerso o Imperio otomano.

Ao fondo, a dereita, aparece a a proa do Fethiye
                                                             

     Durante o século XVIII o Imperio otomano asiste a perda da súa hexemonía no Mediterraneo oriental, véndose superado económicamente, tecnoloxicamente e militarmente polos estados occidentais (4) Comeza entón un proceso de contracción do Imperio, que ve progresivamente disminuidos os seus territorios, primeiramente pola acción militar doutras potencias imperiais, pero, a partires do século XIX,  tamén polo xurdimento  de movementos nacionalistas internos, en diferentes partes do imperio. Se ben, tamén, caracterizase  por ser unha época de transformación. Dende finais do século XVIII, pero especialmente durante o periodo Tanzimat (1839-76) empréndense unha serie de reformas, coa finalidade de reforzar o poder central e de facer fronte as ameazas á integridade do imperio. Concretamente, dous dos principais ámbitos de actuación reformista serán a burocracia e o exército, sobre os cales preténdese afianzar o poder do sultán.

    No que respecta a Mariña otomana, dende o goberno do sultán Selim III acométese a renovación das forzas e estruturas navais. De especial transcendencia será a batalla naval de Navarino (1827) na que a Armada otomana queda totalmente desartellada, e, en consecuencia,  empréndese un programa de reconstrución. Sendo nos derradeiros anos da década dos anos 30 e 40 cando comece a substitución da locomoción a vela pola de vapor. Trala experiencia da Guerra de Crimea (1853-56) os otomanos deciden  adaptar algúns do seus navios á nova forma de propulsión, tendo que ser enviados a Inglaterra, para a súa remodelación, os navios de línea Peyk - i Zafer e Kervan- i Bahri; a estes síguenlles o Sadiye e o Fethiye (5)

 

The St. James's Chronical. 25/12/1856
                                                       

    No día 7 de setembro do ano 1757,  nove meses despois da súa accidentada botadura, durante a cal morreu un traballador e varios máis resultaron feridos, o Fethiye parte dende Malta con destino a Inglaterra, onde debía  instalárselle a maquinaria(6) Mais, como xa foi mencionado, a súa viaxe verase truncada a altura de Asturias, onde tripulación e navio son sorprendidos por unha grande tempestade, que provoca importantes danos na embarcación. Non obstante, gracias á oportuna intervención da veciñanza de Viavélez, o navio e o seus 700 tripulantes conseguen poñerse a salvo(7) 

    Ata Ferrol trasládase o segundo comandante do Fethiye, que, no día 12, preséntase ante o Capitán Xeral para informarlle e solcitar a súa axuda, todo isto a pesares de só dominar a lingua propia. No mesmo día, por mandato do Capitán Xeral, sae dende Ferrol o vapor Santa Isabel, en auxilio do navío otomano, a bordo do cal viaxan 150 operarios da maestranza para realizar as reparacións fundamentais. Pero, de novo, a climatoloxía móstrase adversa, pois unha densa néboa impide agora ao vapor achegarse á costa. Os intentos do Santa Isabel de comunicarse mediante o emprego dos cañóns non obteñen resposta, e non é ata a chegada das primeiras luces do seguiente día, cando, esvaecida xa a néboa, poda ser localizado o Fethiye. a dúas millas da costa e completamente desarborado. 

    Disposto todo,  cara o medio día comeza a condución do Fethiye, se ben, resulta este un arduo e lento procedimento, por mor do mal estado no que se atopa o buque otomano. Así poís, coa caída da noite as dúas embarcacións atópanse a escasas oito millas da costa de Rivadeo. No día seguinte retómanse as operacións optándose por fondear na seguridade da Ría do Barqueiro (8) 

  Avisados do naufraxio, o Goberno británico envia as fragatas a vapor Valorous e Styx para que conduzcan ao Fethiye ata Inglaterra, máis finalmente a operación terá que ser abortada polo alto risco que esta supoñe, chegando, mesmo, a teres que ser auxiliados polas las lanchas do Barqueiro os propios navios ingleses. Ante tal situación,  optase por remolcar o navio ata o Arsenal de Ferrol, para que nel se lle fagan as reparacións necesarias. E así, no día 2 de novembro o navío denominado como o Victorioso (Fethiye) entra na Ría de Ferrol, conducido polos dous vapores ingleses.

 

HMS Valorous
                                                                          

     Durante os seguintes meses demórase a presencia do Fethiye en Ferrol, a espera das conclusións das obras. Finalmente, tras unha prolongada estadía, dun seis meses de duración, o Fethiye abandona as nosas costas, escoltado polos buques ingleses Valorus e Jephir. Conseguindo, tralo seu accidentado periplo,  chegar ao porto de Plymouth no día 7 de maio do ano 1858 (9)

    Durante a súa longa estancia en Ferrol,  dase unha convivencia entre a tripulación e a veciñanza de Ferrol. Superada a inicial desconfianza prodúcese certa confraternización. En base aos parámetros clasistas, polos que se rixen as sociedades europeas do momento, a oficilidade otomana participa nos eventos sociais, non relixiosos, da alta sociedade ferrolana Entre estes, as celebracións dos carnavais do ano 1858.

    Os únicos incidentes destacables durante a presencia do navío otomano, son o reporte de 20 tripulantes que desertan, aproveitado o fondeo do navio na costa asturiana (10) e a enfermidade de parte da tripulación durante a súa hospedaxe en Ferrol. Aqueles mariñeiros enfermos son trasladados ao Hospital Militar, onde, nunha sala reservada para eles, son atendidos polos seus propios médicos e sacerdotes. Os corpos daqueles que morren son levados ao cemiterio de Canido, máis non son enterrados nel, pois, segundo o criterio da época, se impoñe a separación dos corpos segundo a relixión profesada, quedando o cemiterio reservado só para  os católicos. Por tanto, tendo que ser inhumados os mariñeiros mulsumans na parte exterior, tal e como se viña facendo cos protestantes falecidos; isto por carecer o cemiterio dun lugar específico para o soterramento dos non católicos, asunto que neste momento  ponse en cuestión.

    Máis. durante este periodo deuse outra anecdota que é destacada por Aróstegui. Durante as celebracións do Sábado Santo, o navío Fethiye únese aos festexos izando no seu palo maior o pavillón da Armada española. Este acto, calificado por Arostegui como unha mostra de tolerancia e civilización, é correspondido por parte do navío de línea Rey Franscico de Asís, que ergue a bandeira da media lúa.

 

Rey Francisco de Asís
                                                                         

    Máis aló do anecdotismo,  este suceso ensínanos a necesidade de interpretar os feitos no seu contexto histórico. Unicamente, desta maneira, podemos comprender como as dúas antigas potencias imperiais, secularmente enfretadas polo dominio do Mediterráneo, agora relegadas en potencias de segundo orden, poden confraternizar. Como temos visto, neste momento as relacións xa non se regulan simplemente en base a un criterio relixioso, aínda que estea presente, se non, que son fundamentalmente rexidas polo status social ou a clase. 

    En definitiva, fronte aos descursos maximalistas, daqueles que consideran a historia de maneira atemporal, onde as enemistades entre os pobos perpetúanse ad eternun, o simple coñecemento dos feitos históricos sírvenos para por en  cuestión tales argumentacións.

 


Notas: 


1  MONTERO AROSTEGUI, J. "Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Ferrol" Madrid, 1859. pp 240-243

2  No xornal La Esperanza , 17 de outubro de 1857

3  No que respecta ao nome do navio, Aróstegui denomínao como o Fathie, mentres que, en términos xerais, os xornais do momento refírense a el como o Fethie. Se ben, consideramos que debe tratarse do mesmo barco que o Fethiye referenciado en diferentes publicacións e tamén na hemeroteca.

4  QUATAERT, D. " The Ottoman Empire 1700- 1922" p.37 

5  LANGENSIEPEN, B.,  GÜLERYÜZ, A.  "The ottoman steam navy 1828-1923" London, 1995. pp 1-2

6  No xonal Sun , 17 de setembro de 1857

7  No xornal Diario da Palma, 31 de outubro de  1857

8  No xornal El isleño, 3 de novembro de 1857 

9 No xornal Sun, 11 de maio de 1858

10   No Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 2 de novembro de 1857 




Comentarios