Liorta entre cregos no lugar de Brión

Boas, pensamos que xa era hora de lle dar un pouco de vida a este blogue e nada mellor que este caso de violencia interclerical na Plena Idade Media da bisbarra.
O caso que nos ocupa refírese á "batalla campal" que se deu entre os monxes de Sobrado e os monxes de Xubia por un tema que semella ter o seu eco a día de hoxe: as delimitacións da propiedade da terra. Vamos, que a cousa vai de marcos.




Así pois, lendo nunha colección que data do 2007 referida á Historia de Galicia, en concreto sobre o período medieval, atopamos:


`Na primeira metade do século XII é visible en certas zonas de Galicia a presenza de eremitorios -xeradores, nalgúns casos, de posteriores mosteiros cistercienses ou absorbidos, noutros, por estes últimos- cuxa situación xeográfica e características fan pensar en focos de colonización de novas terras. Máis tarde monxes brancos [cistercienses] e negros [benedictinos] impulsan directa e indirectamente a realización de novas cavas. Da participación duns e outros na ampliación das terras de cultivo quedou constancia, por exemplo, no longo preito que, entre os anos 1203 e 1223, mantiveron os monxes de Sobrado e os de Xubia pola estivada que os primeiros levaran ó cabo na súa granxa de Brión. E da importancia que se lle deu ao asunto e da que se daba, polo tanto, á ampliación das terras de cultivo, é boa proba non só a duración do litixio senón tamén a noticia de que esta disputa entre os monxes non sempre se mantivo nos leitos do procedemento xudicial, tal e coma se deduce da presenza dos frades de Xubia no lugar de Brión, armados de lanzas, espadas, coitelos e fustas.´

PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E., `Do crecemento á crise´ en A Gran Historia de Galicia (Tomo V, Vol. 1, pp. 186-187), Arrecife Edicións Galegas S.L., A Coruña, 2007


Xa nos percatáramos a qué documento fan mención os autores, dadas as lecturas que fixéramos na ferramenta do Ministerio de Educación chamada PARES (Portal de Archivos Españoles). En concreto, a información provén dun cartulario do Mosteiro de Sobrado (Archivo Histórico Nacional, Códices, Libro 976) [http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/show/2609385] onde vemos o seguinte relato:




  Grosso modo, observamos que os monxes de ámbolos dous mosteiros e ordes iniciaron este preito acompañados das correspondentes testemuñas que aseguraron que a terra inculta de brione superiori erat divisa inter eos per marcos; xerando catro partes, das cales os fratres superaddi habebant de monte inculto tres quartas e os fratres de sancto martino habebant quarta.
  Ó parecer isto non agradou ós benedictinos de Xubia quenes optaron por invadir a estivada dos cistercienses de Sobrado. Así, accesserunt cum armis, laceis, gladiis, cultellis et brosis et fustibus. Toda unha panoplia de armas brancas e de accesorios para azoutar ós de Sobrado. 
  Ó final recoñécese trala exposición dos feitos que a estivada iacebat de iure fratrem de superaddo. Os cistercienses mantiveron esta propiedade inserta nas que posuían na terra de Trasancos.

  Tralo exposto podemos ver que a violencia na Idade Media non era só cousa dos bellatores (cabaleiros); senón que mesmo os oratores (clero) eran capaces de pelexar polas súas terras, a base principal da economía feudal dos mosteiros.


Comentarios