Moi preto de onde se acha a fortaleza medieval de Moeche, saíndo do val do mesmo e ascendendo cara unha nova chaira situada por riba del, atópase a parroquia de Santa María de Labacengos.
![]() |
Ubicación de Santa María de Labacengos.
|
![]() |
Paisaxe que se albisca dende Labacengos. |
Neste lugar se ubica un poboado castrexo, arrasado en parte polas vivendas situadas ó carón del e polo derribo dos seus terrapléns para o aproveitamento do praderío. Pese a esta destrución (localizada no nordés do xacemento) aínda chaman a atención os lenzos de parapeto que se conservan na súa cara noroeste e sudeste.
![]() |
O Castro de Labacengos no visor LIDAR. |
![]() |
O Castro de Labacengos na década dos 50. |
![]() |
Área afectada na cara nordés. |
![]() |
Muros na cara noroeste. |
Moi preto do castro está o templo de Santa María que da nome á parroquia. A actual obra data de Época Moderna, cunha fachada plana moi sinxela.
![]() |
Santa María de Labacengos. |
Todos estes elementos (a ubicación, a paisaxe, o castro e a igrexa) estannos a falar da xénese deste hábitat disperso durante un período que vai dende a Idade de Ferro ate os primeiros séculos medievales.
En efecto, o castro é unha primeira referencia de cara á sedentarización de comunidades humanas neste entorno nun período que se ubicaría, grosso modo, entre os ss. VIII a.C.- I d.C. (tradicional marco cronolóxico dado para a Cultura Castrexa). É difícil establecer datas máis precisas sen un coñecemento dado a través da arqueoloxía.
Pero o período que dota de especial interese a Labacengos e o tránsito entre a Idade Antiga e a Idade Media; no marco do Reino Suevo e dos séculos escuros altomedievais.
![]() |
Teodomiro (ou Ariamiro), rex Gallaeciae cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixiliano. |
En efecto, no Parrochiale Suevum do s. VI d.C., na relación das trece sedes episcopais de Gallaecia, aparece, entre as cento trinta e dous ecclesiae, a mesma Labacengos. Atópase ad Iriensem sedem (a sede de Iria Flavia que tornará máis tarde na de Santiago de Compostela), xunto a unha relación de ecclesiae situadas preto dela: Coporos, Celticos, Bregantinos, Prutenos, Prucios, Besancos, Trasancos, Lapaciencos, Arros.
Seguindo a Sánchez Pardo, o Parrochiale Suevum reflicte unha organización parroquial adaptada ós diversos contextos dentro da Gallaecia. Deste xeito, atopámonos con fundacións eclesiásticas situadas en pequenos poboados de orixe romana, ou, polo contrario, en áreas onde estes núcleos son inexistentes (aclarar de novo que falta arqueoloxía para estar seguros), a solución adoptada cínguese a un ambiente máis disperso; sendo a fundación parroquial un novo elemento de centralización administrativa. Isto último é o caso de Lapaciencos. Ante a falta de evidencias dun asentamento tardorromano, Sánchez Pardo pon esta freigresía coma exemplo desa adaptación da organización eclesial a un marco de poboamento moi disperso.
En conclusión, pese á falta de datos máis concisos, podemos estar seguros de que Santa María de Labacengos forma parte dun patrimonio subtancial da comarca; ben sexa este dende un punto de vista paisaxístico, material ou toponímico.
ENLACES CONSULTADOS:
Parrochiale Suevum:
`Two glimpses to the religious landscapes of 6th century Galicia (NW Spain)´:
Comentarios
Publicar un comentario