O primeiro sistema de fortificacións da Ría de Ferrol. O esquecido San Martín

  Cara o final do s. XVI, a Ría de Ferrol apareceu ante a Coroa coma un enclave propicio na nova dinámica da política exterior de Felipe II. En efecto, trala paz con Francia en 1559, as treguas cós turcos no Mediterráneo dende 1578 e a anexión de Portugal á Monarquía Hispánica, xunto có inicio da sublevación nos Países Baixos a partires de 1567, fixeron que o porto galego estivera na primeira liña da acción política no Atlántico. 

Retrato de Felipe II por Sofonisba Anguissola, 1573

  O interese pola ría estaría tamén motivado polos conflitos con Inglaterra. Esta estaba a apoiar ós protestantes holandeses na súa loita fronte ós católicos; situación que Felipe II devolvía có apoio ós irlandeses contra a mesma Inglaterra. Esta situación de axudas cruzados levaría ó desencadeamento dun conflito aberto en 1585. No mesmo ano, as costas galegas comezaron a sufrir o ataque do famoso corsario Francis Drake. Ante os ataques, o rei mandou crear a chamada Armada Invencible, enviando esta cara as Illas Británicas en 1588. O resultado é dabondo coñecido.

Retrato de Francis Drake atribuido a Jodocus Hondius, 1583

  O paso da gran armada do monarca, e a acollida dos navíos que volveron trala derrota desta, amosaron as carencias dos portos galegos de cara á súa nova posición de relevancia xeopolítica. Esta foi a principal motivación para a fortificación da Ría de Ferrol.

  De feito, a maior pegada desta primeira actuación do poder central na ría é observable na actualidade se miramos cara os castelos de San Felipe e da Palma. Mais o primeiro sistema de defensa da boca da ría estaba composto por un castelo máis: o Castelo de San Martín.

  Este leva o nome do Adelantado de Castilla e mando superior da frota en Ferrol, Martín de Padilla. Comezou a construírse ó mesmo tempo có da Palma; rematando a súa construción en setembro de 1597. Deste xeito, as novas fortificións uníronse ó castelo de San Felipe que xa se atopaba no outro lado da ría dende 1589. Un plano do mesmo Francis Drake amósanos xa este sistema de defensa triangular: 

Mapa atribuido a Francis Drake, conservado na `Library of Congress´ dos EE.UU.
  Saint Phillips Castell, Palma Castell e Pedanea Castell (?). Aclarar que estes tres castelos non eran para nada as facturas dieciochescas máis desenvoltas que se observan a día de hoxe no primeiro forte mencionado. Eran máis ben pequenas estruturas moi sinxelas que delataban a súa rápida construción nas décadas finais do s. XVI. Nin que decir ten que amosaban varios desperfectos que serían clave no seu deterioro a posteriori. O s. XVII será un longo período sen obras relevantes en torno ás fortificacións.

Os tres castelos nun gravado de finais do s. XVII

  E, precisamente, case cento dez anos despois da súa construción, nunha relación sobre `Plazas fuertes y puertos de Galicia ´ (1700), temos noticia do estado no que se atopaban os fortíns filipinos:

`Deviendo también hazer relación de la ria del ferrol
y sus castillos se me ofreze dezir que es tal el Puerto
del ferrol que si hubiera en el la Contratación que ay
en el de Cadiz y otros de los dominios de España
fuera de los mas zelebres de Europa por que pareze que
en su fabrica empleo la naturaleza todo el arte para
fortificarla (...)
los castillos los quales tienen su asiento a la entrada del
puerto en la faldas de los montes que terminan el estrecho
y desde ellos se puede echar a pique quantos navios yn-
tentaren la entrada para cuio efecto es preciso a ree-
dificarlos y ponerlos en defensa, porque estan ame- 
nazando una total ruina.
Los dichos castillos son tres en numero, que son San Martín
de Padilla, San Phelipe y nuestra Señora de la Palma (...)´





  Coma sempre, a ría posúe magníficas características de refuxio; características que non se correspondían có estado da tríade defensiva.

  O novo s. XVIII abriría novas posibilidades de cara á renovación das estructuras e ó engadido doutras de nova fábrica trala conversión da Vila de Ferrol no Departamento Marítimo dos monarcas Borbóns. Mais iso xa é outra historia.

Un solitario muro en fronte a San Felipe é do pouco que queda do que foi o Castelo de San Martín



BIBLIOGRAFÍA:

GRANADOS LOUREDA, J.A., `Un arsenal para el rey; Ferrol en el Antiguo Régimen (SS. XVI-XVIII)´ en `Nalgures´, Tomo VII, 2011, pp. 55-171

ENLACES WEB:

-Mapa de Francis Drake:

-Relación sobre `Plazas fuertes y puertos de Galicia´:

Comentarios