Hoxe, volvemos traer un documento medieval pertencente á `Colección de diplomas del monasterio de benedictinos de San Martín de Jubia´(dispoñible aquí) , xa usada anteriormente para falar de aspectos relativos ós arredores de Ferrol nun foro de 1432 (Un aforamento do Mosteiro de Xubia datado en 1432).
De novo, o documento en cuestión é un foro, e, casualmente, volve a estar datado no ano de 1432. Mais esta vez falamos doutros aspectos e doutras personaxes que son os que motivan esta entrada do blogue:
![]() |
`Foro que el prior don fernan lopez hizo como capellan de la capilla de san miguel a fernando candaedo de la viña da mourella, que era de dicha capilla. año de 1432´ |
Transcripción:
[1] Saban todos quantos esta carta de foro
viren commo eu fernando lopes prior [2] do moesteiro de san martinno de juvia
capelan da capela que gonçalvo esqio fezo [3] eno dito moesteiro a qual he de
san myguell outorgo e conosco que aforo a vos [4] fernando fillo de alvaro de
candanedo morador en neda para vos e para [5] vosa vos para sempre conven a
saber que vos aforo a metade [6] da vina que jaz ena mourela que foy e tevo
aldouça da fraga [7] vosa avoa a qual he da dita capela con tal pleito a condiçon
[8] que a non tenades de vina e aparedes ben e cavedes e [9] podedes sen maliçia
e dedes dela do vino que devos en ela [10] dar en cada ano a min e ao que for
capelan da dita capela [11] a quinta parte ao pasadoyro vendimado ou aa biqa do
lagar [12] qual en ante min ou quen for capelan da dita capela a qual [13]
testa de hun cabo en a vina de pero de ferrol et ençima [14] testa ena vina de rrodrigo
esquio e en bayxo eno camino anti- [15] go e jaz ena fliglesia de santa maria
de neda a qual vos [16] obligo a faser de pena todo tempo per los benes da dita
cape- [17] la que vos para elo obligo et eu o dito fernando que por venta
subasto [18] rreçebo e prometo de pagar e abrego e as cousas suso ditas [19] e
mandamos faser duas cartas en hun tenor as mays [20] çertas e firmas que see e reposan
estan enno dito moesteiro seis dias do [21] mes de fevreiro anno do nasçemento
do noso sennor ihesu christo de mil [22] et quatrocentos e trinta e dous anos
testemunnas pero garsia pescador et [23] johan da vella e pero da pena pescador
afonso de candanedo [24] visinos de neda et eu fernando rramos notario et
escripvano publico de [25] meu sennor el rrey ena sua corte et en todos los
seus rreynos [26] aesto presente foy con as ditas testemunnas e a que puge meu
nome e signal [27] en testemunno de verdade que tal he e en minna presença
fernando rramos escrivanoo
Indo cara o que queremos salientar, destacar primeiramente a mención a `(...) capela que gonçalvo esqio fezo eno dito moesteiro a qual he de san myguell (...)´. En efecto, existiu ate 1910 dita capela no Mosteiro de San Martiño de Xubia, derruida nesa data para ampliar o cemiterio anexo ó templo. A capela databa do s. XIV e fora erixida pola decisión do mencionado de Gonzalo Esquío; dotando a esta das rendas das vilas de Domirón, Caranza e as Mourelas (de Arriba e de Abaixo). A capela serviu coma lugar de enterramento dalgúns persoeiros da familia Esquío coma o mesmo Gonzalo Esquío, Rodrigo Esquío ou Pedro Mourelle de Esquío e de Mandiá. O escudo deste último, segundo parece, figurou baixo coroa real na fachada do mosteiro, o que representaba a grande ligazón desta liñaxe con San Martiño de Xubia.
![]() |
Escudo de Pedro Mourelle, coas armas dos Mandiá e dos Esquío |
Mais, dende 1968, este escudo áchase no muro lateral dereito do mosteiro; formando parte, xunto a outros elementos pétreos da antiga Capela de San Miguel, do sepulcro reconstruido de Rodrigo Esquío (mencionado no documento).
![]() |
Cadaleito de Rodrigo Esquío reconstruido no muro do templo. Imaxe sacada de Rincones de mi Galicia |
O vínculo dos Esquío con Xubia queda testemuñado, amén dos restos pétreos que acabamos de mencionar, pola lista de priores, xuíces e notarios desta mesma familia que exerceron nos coutos do dito cenobio. Ademais, esta liñaxe tamén disfrutou da relación cós Andrade; coma se ve no caso do mesmo Rodrigo Esquío ó ser este o casteleiro da fortaleza de Narahío. Pese a esta posición, falamos dunha familia que a partires do s. XVI comeza a desaparecer sen establecer efectivamente un morgado e disolta entre outras liñaxes da comarca.
Amén da Capela de San Miguel e da liñaxe dos Esquío, outro aspecto que nos parece interesante, vistos ademais outros documentos forais relativos a esta especie, é a presenza do cultivo da vide. Queda patente observando os foros do mosteiro que, ó igual que outros conventos de Galiza, San Martiño de Xubia tamén se beneficiou da demanda de viño nestes séculos baixomedievais:
(...) como viamos na propiedade ou na extensión dos viñedos, son de novo os eclesiásticos os que volven situarse en primeiro plano.(...)
A extensión dos viñedos, o aumento conseguinte da produción de viño, é o trazo característico da agricultura medieval en Galicia (...) principalmente orientada polo peso renovado de cidades e vilas no conxunto da actividade económica.
PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E., `Do crecemento á crise´ en A Gran Historia de Galicia (Tomo V, Vol. 1, pp. 213-214), Arrecife Edicións Galegas S.L., A Coruña, 2007
Vistos así pois estes tres aspectos, só nos cabe dicir a variedade de aspectos sobre os que pode achegar información un sinxelo documento. Nun foro, entre outros moitos da mesma colección, temos representada unha estrutura desaparecida, unha notable familia da contorna e un xénero de cultivo que hoxe semella máis propio doutras áreas galegas. Non é pouco para vinte e sete liñas.
![]() |
johan esquio prior do moesteiro de san martinno de juvia. Exemplo dun membro da familia no cargo de prior do Mosteiro en 1412 |
Amén da Capela de San Miguel e da liñaxe dos Esquío, outro aspecto que nos parece interesante, vistos ademais outros documentos forais relativos a esta especie, é a presenza do cultivo da vide. Queda patente observando os foros do mosteiro que, ó igual que outros conventos de Galiza, San Martiño de Xubia tamén se beneficiou da demanda de viño nestes séculos baixomedievais:
(...) como viamos na propiedade ou na extensión dos viñedos, son de novo os eclesiásticos os que volven situarse en primeiro plano.(...)
A extensión dos viñedos, o aumento conseguinte da produción de viño, é o trazo característico da agricultura medieval en Galicia (...) principalmente orientada polo peso renovado de cidades e vilas no conxunto da actividade económica.
PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E., `Do crecemento á crise´ en A Gran Historia de Galicia (Tomo V, Vol. 1, pp. 213-214), Arrecife Edicións Galegas S.L., A Coruña, 2007
Vistos así pois estes tres aspectos, só nos cabe dicir a variedade de aspectos sobre os que pode achegar información un sinxelo documento. Nun foro, entre outros moitos da mesma colección, temos representada unha estrutura desaparecida, unha notable familia da contorna e un xénero de cultivo que hoxe semella máis propio doutras áreas galegas. Non é pouco para vinte e sete liñas.
BIBLIOGRAFÍA:
SOUTO VIZOSO, A.,`Sinopsis monográfica del Monasterio Benedictino de San Martín de Jubia o del Couto´, Pontedeume, 1981
PALLARES MÉNDEZ, M.C. e PORTELA SILVA, E., `Do crecemento á crise´ en A Gran Historia de Galicia (Tomo V, Vol. 1), Arrecife Edicións Galegas S.L., A Coruña, 2007
Comentarios
Publicar un comentario