Cara ao ano 1805 o reinado do monarca Carlos IV achegábase ao seu final, nun contexto interno que verase marcado polo predominio político do ministro Godoy, e por unha crise socio-política, da que o motín de Aranjuez (1808) será expoñente máximo. Pola súa banda, o contexto internacional será eclipsado polo signo ascendente da Francia saída da revolución e polas guerras consecuentes, na que a monarquía hispano/borbónica desplegará unhas alianzas cambiantes, o cal tamén terá a súas consencuencias no ámbito doméstico desta monarquía hispánica. É esta unha época caracterizada pola intestabilidade e a conflitividade, e na que a violencia e competencia entre os diferentes estados, materializada baixo aparencia da guerra, terá previsiblemente unhas consecuencias socioeconómicas sobre as sociedades atrapadas polos conflictos. É o caso da Guerra da Independencia, ou contra o francés. É pois neste panorama de crise no cal "virá o mundo" o noso protagonista, Pascual Mandoz, cara o ano 1805, na vila de Pamplona*. Unha situación que, como veremos, no caso de comunidades dependentes da iniciativa estatal, como é Ferrol, tórnase en dramática.
De orixe humilde, dende ben cedo mostrará unha conciencia política e un compromiso ideolóxico cós planteamentos do liberalismo. Esta significación costaralle a represión, primeiro baixo a forma de cadea e posteriormente de exilio, de man das forzas do absolutismo que retornara na figura do monarca Fernando VII. Así pois, durante o Trienio liberal o atoparemos loitado entres os defensores do castelo de Monzon contra as forzas do absolutismo, os alcumados Cen mil fillos de San Luís.
Castelo de Monzón, na súa defensa participaría Madoz (1823) (imaxe obtida de wikipedia española)
O involucrarse nesta causa, e concretamente nesta contenda de Monzón, suporalle ser capturado e pasar unha estadía na cadea. Non será este o único episodio de represión padecido por Madoz, pois como comentáramos, terá de marchar do pais dada a súa identificacíón coa causa liberal. Pero deixemos que sexa o propio Madoz quen nos relate os seu propios avatares:
Extracto da "Simple relación de meritos D.Pascual Madoz e Ybañez"** Expendiennte persoal do xuíz Pascual Madoz Ibáñez
Se ben, será durante o seu exilio francés cando Madoz se achegue e familiarice cos estudos xeográficos e estatíticos que se tiñan feito en Francia atá o momento. Feito crucial no desenrolo do seu propio dicionario. E así o constata no volumén XVI do seu dicionario:
Extracto do "Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar" Volumen XVI, p.675
Tal e como indica o propio Madoz, voltará a España coa amnistía promulgada trala morte do monarca Fernando VII pola súa muller e rexente María Cristina. Dende a súa volta terá diferentes ocupacións, ben traballando coma advogado ou desenrolando cargos públicos, gobernador, xuiz como víramos nun dos extractos compartido enriba, deputado, ou ministro da facenda dende a cal realizará o seu coñecido proxecto de desamortización, por poñer algúns exemplos. Se ben, no que a esta publicación respecta centrarémonos no outro proxecto polo que é afamado, isto é o seu dicionario, coñecido popularmente como" de Madoz" Nel Madoz ofrece un informe heteroxéneo das poboacións dos dominios dos Borbóns, e decimos heteroxéneo pola diferente tipoloxía da información aportada, indo dende os aspectos estritamente económicos ata as novas das romerías e devocións locais. Este monumental proxecto de XVI volumes organizados alfabéticamente ocuparalle varios anos e nel contará coa axuda de correspondentes e colaboradores, sendo estes últimos os que lle aportan moitos dos datos cós que rechear as diferentes entradas do seu diccionario. O propio Madoz fai este recoñecemento na súa obra:
Fragmento do "Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar" Volumen XVI, p.675
Deberiamos, polo tanto, ser conscientes que cando estamos a referenciarnos no "Madoz" estamos a traballar cunha obra colectiva, na que Madoz é o receptor dunha información elaborada por segundos. Polo que é oportuno recoñecer e considerar as meritorias achegas destes informantes, contribuíntes na creación deste compendio que, a día de hoxe, segue a ser un referente para os investigadores da historia, pola cantidade e variedade de datos que achega. Non queremos con isto restarlle mérito a Pascual Madoz, promotor e organizador deste proxecto monumental.Para o caso de Ferrol contaríase, se ben non é a única fonte, con José Montero Aróstegui coma informante, aproveitando a súa posición de arquiveiro municipal. A súa persoa e obra poderiamos nun futuro adicarlle un artigo propio. Centrándonos no que respecta a esta entrada do blogue, sinalar que a reseña sobre Ferrol aparece no VIII coa entrada Ferr.
Entre tódolos diferentes datos sobre a vila que aparecen recollidos hoxe só nos centraremos nos que testemuñan a crise socio-económica que atravesa a poboación de Ferrol na primeira metade do XIX. Como xa viñamos vendo mediante a biografía de Pascual Madoz, os primeiros anos do século XIX serán anos difíciles para o estado/monarquía dos Borbóns, pero tamén para os seus súbditos. Guerras, endebedamento estatal e pobreza son tres realidades presentes neste comezo de século, e no caso da vila de Ferrol tres factores claramente ligados. Tense apuntado como feito que da comezo á crise en Ferrol ós cambios na extratexia política dos Borbóns cara os anos finais do século XVIII, na que a base militar de Ferrol perde importancia. Sen querer entrar na delimitación da crise, nen no factor último desencadeante, facemos a consideración de que sen dúbida a desintegración do poder estatal, coa invasión francesa e a consecuente guerra contra o francés, tivo resultados dramáticos en lugares dependentes da inversión estatal, coma era Ferrol. Outra guerra, xa nos anos 30 deste século XIX, viría a vaciar as arcas da restablecida e diminuída monarquía hispánica, unha guerra civil na que Madoz participaría confrontándose ós chamados carlistas.
Coma é ben coñecido o despegue demográfico de Ferrol ven asociado ó establecemento do departamento marítimo do norte, os arsenais e estaleiros reais nesta ría. Polo que o futuro e a prosperidade desa poboación quedará ligado dende ese momento á capacidade económica do Estado para o mantemento do seu persoal e instalacións, e para invertir na construción naval. A propósito disto último, no dicionario Madoz recóllese nunha táboa a actividade construtiva nos estaleiros reais de A Graña e de Esteiro.
Axustándonos a un simple cálculo, comprobamos que nos 49 anos que van dende 1750 a 1799 constrúense nos estaleiros reais unha media anual de 2,61 barcos, un dato que contrasta coa producción media dos 45 anos posteriores, a cal se sitúa nos 0,21, sen chegar, por tanto, á media dun barco por ano. Con todo, temos que puntualizar que as tipoloxías de barcos construídos son diversas, tal e coma amosa a táboa, e que polo tanto o tempo e man de obra empregada variará en base ó modelo de navío a construír. Analizando polo miúdo as diferentes clases de barcos producidos, atopámonos con que, por exemplo, a maior produción dos chamados navíos de liña acontece entre os anos 1754 e 1756, nos que se botan 14 barcos deste modelo. Isto é a mesma cantidade de navíos de liña producido nos 34 anos seguintes. O despunte na construción desta clase barcos que temos constatada para os anos 50 ben motivada pola vontade do Marqués da Ensenada de dotar á monarquía hispánica dunha frota naval moderna e capaz de competir coas armadas rivais. Dentro deste plan encadraríase a construción en Esteiro de 12 navíos de liña, alcumados `O Apostolado´, dos cales, os dous primeiros serían botados xa no 1753, mentres que o resto o serán nos seguintes anos, entre 1754 e 1755. Tras este frenesí construtivo detectamos unha detención das botaduras de dez anos, entre 1758 e 1768. Se ben, nos anos posteriores, obsérvase unha estabilización na produción, específicamente da tipoloxía fragata, da cal se fabrican unidades dunha forma máis ou menos regular entre os anos 70 e 90 deste século XVIII. A vitalidade desta industria naval irá asociada á prosperidade da vila de Ferrol, así pois, nos bos tempos da construción naval, este sector funcionará como polo de atracción de poboación pola súa capacidade de ofertar traballo. Desta maneira contribúe, a industria naval,ó crecemento demográfico da vila. Agora ben, nos tempos de crise, nos que cae a produción, o panorama varía; así o temos constatado para as primeiras decadas do XIX. Vexamos pois que información nos da Madoz ó respecto da crise que atravesa Ferrol.
Atopamos unha primeira referencia ó proceso de despoboamento que sofre Ferrol neste século XIX ó respecto das obra públicas que se tiñan acometido na cidade ata a data:
Neste primeiro testemuño cabería sinalar a relación que se fai da decandencia demográfica coa decadencia da mariña, e, de coma isto afecta á capacidade económica do municipio, que ve as súas posibilidades de actuación moi limitadas pola falta de fondos. Noutra parte, esta vez ó tratar da muralla que arrodeaba a vila, remítesenos de novo á crise demográfica que sufrira Ferrol.
Neste caso láiase das proporcións que puidera ter atinxido o entramado urbano se non fora pola decadencia demográfica (de novo unha referencia a relación entre mariña e poboación).
Do estado de abandono no que se atopaban as instalacións da mariña fálasenos noutra parte do texto, facéndose unha comparativa entre estes e os ingleses.
Aínda noutro fragmento se fala da decadencia que a industria naval tiña sufrido neste século, tralas décadas previas de grande actividade.
Apunta Madoz ó grande esforzo acometido polos monarcas previos para se dotar dunha importante forza naval, esforzo que se desfai coa alianza có imperio francés na guerra contra a coroa británica e as grandes perdas navais sufrida nesta (Trafalgar 1805). Nos anos seguintes, tal e coma se nos di no "Madoz", a industria naval non repoñería as forzas navais perdidas dadas as dificultades económicas e políticas polas que pasara a monarquía hispánica, e das que xa temos falado previamente.
Como o lector pode observar, ata o de agora non temos abordado as repercusións sociais que a crise tivo sobre a poboación de Ferrol, e o certo é que neste dicionario o tema social non aparece reflictido. Non obstante, outros autores que escribiron sobre Ferrol nesa época si que nos deixaron descricións sobre o clima social na vila nese período de crise. Tal é o exemplo de Borrow, quen visitaría Ferrol cara o ano 1837; do que amosará unha imaxen desoladora da pobreza e da despoboación. Dez anos despois da visita de Borrow, momento do que datan os informes sobre Ferrol recollidos no Madoz, a longa noite de pedra pola que pasara a vila tocaba ao seu fin. A chegada de novos proxectos e inversión estatal favorecería a recuperación paulatina da vila. No ano 1858 a vila recibirá o título de cidade, concedido pola raiña Isabel II. É coa caída desta raiña coa que terminaremos esta entrada do blogue. No ano 1868 a revolución chamada " A Gloriosa" conseguirá depoñer a esta monarca abrendo un interregno, na que se estudiará os posibles sustitutos. Nesta elección, Pascual Madoz expresará o seu posicionamento ó favor do duque de Aosta, Amadeo de Savoia, sendo parte da representación enviada para reunirse có futuro monarca no ano 1870. Será no transcurso desta misión no que Pascual morra, estando en Xénova.
Extracto do nº 325 do xornal satírico Gil Blas, no que se refire a morte de Pascual Madoz de maneira humorística, sinalando ó futuro rei Amadeo coma responsable de botarlle un mal de ollo. Dispoñible aquí
Durante estes anos, a agora cidade de Ferrol entrará nun período de recuperación demográfica e económica, ata o seguinte ciclo de crise.
* A data de nacemento témola basado no estudo de Javier García-Bellido, quen rexeita o ano " 1806, como ponen todas sus biografías y al pie de su mausoleo" como data de nacemento de Madoz.
** Como terase dando de conta o lector Madoz asinala que foi feito preso polo 2º batallón de Navarra e non polos franceses, se ben estas tropas navarras estarían integradas no exercito francés. É convinte precisar este dato contrario ao que se indica nalgunhas reseñas biográfícas sobre Madoz.
BIBLIOGRAFIA:
- LIZARRALDE ELBERDIN, K. Madoz y su diccionario. Actas IV International Monilonogy Conference. Vol. II, 2005. Dispoñible aquí
- GARCIA-BELLIDO Y GARCIA DIEGO, J. Pascual Madoz e Ildefonso Cerda. Dos pioneros en la epifanía de la urbanística. ACE, Vol.1, núm. 1, pp.4-28, 2006 Dipoñible aquí
- MONTES MARTIN, M. Trabajo de Fin de Grado: La provincia de Segovia a mediados del Siglo XIX según el diccionario de Pascual Madoz. Universidad de Valladolid, Segovia 2015. Dispoñible aquí
- GALLEGO ARTOLA, M. Pascual Madoz. en Ciencia moderna: pioneros españoles. Ensayo. Fundación Juan March, Madrid 1987. Dispoñible aquí
- MADOZ, P. Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar (1846-1850) Versión usada dispoñible aquí
ENLACES WEB:
- http://thedarkhousemar.blogspot.com.es/2011/11/guia-del-cementerio-de-montjuic.html
- https://es.wikipedia.org/wiki/Castillo_de_Monz%C3%B3n
- http://www.eumed.net/cursecon/economistas/Madoz.htm
- http://www.congreso.es/portal/page/portal/Congreso/Congreso/Diputados/BusqForm?_piref73_1333155_73_1333154_1333154.next_page=/wc/fichaPresidente?idPresidente=65280&codHistorico=H
- http://pares.mcu.es/
- http://prensahistorica.mcu.es/es/estaticos/contenido.cmd?pagina=estaticos/presentacion
Comentarios
Publicar un comentario