A aparición da lingua galego-portuguesa na escrita nun documento do Mosteiro de Pedroso

  Este post basearase fundamentalmente en dúas obras. Unha delas achéganos ó fenómeno do cambio dado a mediados do s. XIII, cando o galego substituíu ó latín coma a principal lingua na escrita. A outra proporcionaranos o exemplo concreto para plasmar ese cambio na nosa comarca; atendendo ó antigo e desaparecido Mosteiro de San Salvador de Pedroso.
  Así pois, para comezar, temos que ter en conta que, anteriormente á data mencionada, o latín era a lingua na que se redactaban os documentos producidos polos notarios (ben foran estes dos reis, dos mosteiros etc...). Valla coma exemplo esta liña da copia do privilexio de 1169 outorgado por Fernando II ó Mosteiro de San Martiño de Xubia (clique aquí):

(...) uadit ad fluuium de felgueyra quod vocatur dos abruneyros (...)

  O fragmento refírese ós fitos que delimitan o couto do mosteiro ratificado polo monarca. Pese a ser unha copia do s. XIII, fiámonos da súa veracidade respecto ó orixinal; isto é debido á vontade do mosteiro por amosar os seus privilexios provintes dende o poder rexio. Nel podemos ver que aparecen os termos romances de felgueyra e de abruneyros (referidos ó rego ubicado en San Xoán de Filgueira, Ferrol). E é que, previo a esa metade do s. XIII, os escritos en lingua latina non poden agochar, non só polo léxico senón mesmo pola gramática, que as persoas que os redactan están a pensar en romance; para o noso entorno, en galego-portugués. De feito, xa a comezos da centuria, comezan a aparecer paseniñamente os primeiros documentos redactados nesta lingua.

O foro do Burgo de Castro Caldelas é o documento coñecido máis antigo dos redactados en galego-portugués dentro da área da actual Galiza (1228).

  Esta situación darase aproximadamente ata o ano 1255, cando, en palabras de Henrique Monteagudo, percibirase unha nidia mudanza de rumbo na emerxencia da escrita en romance galego. A razón é moi sinxela, pois nese ano rexistramos non menos dunha ducia de documentos plenamente romances, que aparecen redactados en dez lugares distintos (...). Ademais, tras ese ano, o incremento da produción da escrita en galego-portugués será unha constante. O que chama a atención é que esas primeiras mostras do cambio na lingua escrita daranse no entorno da Galiza máis oriental. Segundo Monteagudo isto pode ser posible debido á perda doutros documentos de áreas máis occidentais; se ben, acto seguido, engade que hai que ter en conta que moi posiblemente haxa unha explicación máis razoada. O cambio latín-romance foi un fenómeno que tivo un percorrido dende oriente cara o occidente; así, teríamos primeiro a aparición da escrita en castelá, seguida do astur-leonés e chegando  finalmente cara a área do galaico-portugués. Isto sería o motivo polo que estes documentos sitúanse na parte máis oriental do reino; sumándolle ó dito feito a presenza no occidente da Galiza do Señorío de Santiago, que retardou o uso do galego-portugués na escrita en favor do latín.

Recreación do Mosteiro de San Salvador de Pedroso. Sacado de: Fálame de San Sadurniño.

  Indo cara a nosa comarca, no Arcediagado de Trasancos, en 1257, redáctase no Mosteiro de San Salvador de Pedroso (fundado en 1111 por Dona Munia Froilaz) o primeiro documento na nosa lingua do que temos constancia a través da obra de Enrique Cal Pardo sobre o cenobio. Este documento, unha doazón a dúas partes por parte de johan vermues de mandiae e de lopo garçia de mandiae, relativa Santa Mariña do Monte (San Sadurniño) e á herdade de realengo de Sabín (Santo Estevo de Sedes, Narón), foi realizado baixo o priorado de Don Domingo Pérez. Este prior aparece xa nun documento galego-portugués do Mosteiro de Santa María de Sobrado datado tan só cinco anos antes do que nos ocupa. En palabras de Cal Pardo: Esta donación, importante para el Monasterio por los bienes que comprendía, no lo fue menos para la posteridad. La escritura se extendió en gallego y constituye el primer documento en lengua vernácula del Cartulario de Pedroso. 


Imaxe do documento en cuestión, no apéndice documental de `El Monasterio de San Salvador de Pedroso en Tierras de Trasancos´.

  Así pois, vemos que tan só dous anos despois dese 1255 que marcou un punto de non retorno, e un lustro tralo primeiro documento de Sobrado na nosa lingua; Pedroso, ubicado en terras de Trasancos, sumouse á dinámica de redactar os documentos no código que xa se delataba nos anteriores testemuños escritos en latín durante a Idade Media.

  Transcrición:



BIBLIOGRAFÍA:

CAL PARDO, E., `El Monasterio de San Salvador de Pedroso en Tierras de Trasancos´, Diputación de A Coruña, 1984

MONTEAGUDO ROMERO, H., `A emerxencia do galego-portugués na escrita instrumental. Unha panorámica histórica´ en BOULLÓN AGRELO, A.I. (ed.), `Na nosa lyngoage galega: a emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media´, Consello da Cultura Galega- Instituto da Lingua Galega, Santiago de Compostela, 2007, pp. 275- 312.

*Véxase:
O primeiro escrito en galego de San Sadurniño

Comentarios