O CERCADO DO MONTE DA LAGOA: Un espazo ritual de hai 4000 anos no Concello de Narón?

    Hai uns meses, no lucense Concello de Cervo, tivo lugar unha interesante conferencia organizada pola Asociación Mariña Patrimonio e impartida polos arqueólogos Pilar Prieto e Luís Cordeiro. A ocasión era especial, pois, por primeira vez, dábase a coñecer ao público alleo aos círculos académicos o estado actual dunha investigación que se vén desenvolvendo dende 2017 e que ten como tema a catalogación dos chamados "henges galegos"

  Un momento fundamental na caracterización deste tipo de estruturas produciuse no ano 2006, no transcurso da construción da vía do Cantábrico. Daquela, as maquinas topáronse cun xacemento coñecido, pero erróneamente catalogado. Posteriores traballos arqueolóxicos, concretizados polo uso da técnica do carbano 14, aportaron unha datación duns 3700 anos de antigüidade; polo que a súa adscrición respondería ao período do Bronce Final.

    Fotografía aérea da Roda de Barreiros: Recinto circular duns 50 m de diametro, conformado por dous paramentos de pedra con recheo de terra do espazo   intermedio e un foso de 3 metros de alto e 1 de ancho. Imaxe: Deputación de Lugo.
  
  

    A partires desta descuberta inicial, foron sucedéndose a catalogación de novos círculos, ata chegar aos 43 xacementos actualmente incluídos na investigación presentada por Pilar Prieto e Luís Cordeiro. Isto, xunto as contadas escavacións acometidas (como no caso do círculo de Xove, catalogado por Mariña Patrimonio) ten permitido afondar no coñecemento deste patrimonio. Estes caracterízanse por presentar unha planta circular ou oval, as dimesións dos mesmos é variable, mais, dos coñecidos na actualidade, o 64 % deles teñen un diámetro de entre 46 e 64 metros. O espazo ven limitado por un parapeto e, as veces, tamén por un foxo. Por outra parte, tenden a localizarse en lugares de escaso valor defensivo. Durante os traballos arqueóloxicos non se ten documentado espazos de habitación, polo que se ten considerado un uso de tipo social ou ritual (mesmo, pola presencia de fosfatos , de tipo funerario). A presencia cerámica e dun posible menhir, no caso da Roda de Barreiros, iría no sentido destes usos. Un feito diferencial con respecto aos henges británicos é o seu encadre temporal na Idade do Bronce.

    Plano cos achádegos actuais. Imaxe obtida de Cutura Galega.gal
                                            

      Na catalogación presentada por Prieto e Cordeiro constátase un caso para a Comarca de Ferrol, o cal semella corresponderse có denominado "Cercado do Monte da Lagoa". Localízase este xacemeto nun cumio do mesmo monte, pola banda do Concello de Narón. Consta dun recito oval dunhas proporcións de 38 metros no seu eixo noroeste/sueste, e de 27 metros no eixo suroeste/nordeste. O espazo vén delimitado por un paramento de pedra que, aproveitando a altitude do propio cumio, adquire un especial realce. O xacemento fora catalogado, entorno ao ano 2001, polo historiador e arquiveiro do Concello de Narón, André Pena Granha, o cal adscribiuno, tomando como referencia os henges británicos, ao periodo neolítico. Outórgalle o seu descubridor unha finalidade pastoril, sendo o lugar onde se gardaría o gando durante a época estival; ao mesmo tempo, tería usos de tipo ceremoniais asociados ao tránsito das estacións.

 

Hipsométrico e PNOA 2017 do Cercado da Lagoa. Plan Básico Autonómico

    Se ben, aínda considerando as particularidades do xacemento (como a súa ubicación nun cumio) e, ante a falta dunha intervención arqueolóxica que permita certificar a súa periodización, os novos aportes ao respecto dos círculos fannos cuestionar a datación proposta por Pena Granha.

    Polo de agora, todo son interrogantes, á espera de que novos datos aporten claridade sobre aquilo que se agocha no Monte da Lagoa. O que, dende logo, non debe esperar é a proteción do xacemento. Entorno ao ano 2017, o Monte da Lagoa viuse cercado polo lume. Dende entón, ao pé do cumio do Cerco transcorre un cortalumes testemuño daquel suceso. Mais non só o lume ameaza o lugar. En 2021 unha avalancha de proxectos eólicos cercan os nosos montes. Para o Monte da Lagoa, no rexistro eólico da Xunta Galicia, constaba o proxecto do Parque Eólico Monteventoso. Polo tanto, é importante, polo de agora, aínda que só iso poidamos, reivindicar e dar a coñecer o patrimonio dos nosos montes, para que cada quen poida facer a súa propia valoración antes de que este sexa afectado de maneira irreversible.

  Fotografia do Cercado da Lagoa. Imaxe de Patrimonio Galego. net



 

Comentarios

  1. A terra nos fala, pero so uns poucos sodes capaz de escoitala e interpretala..Grazas!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario