Manifesto


MANIFESTO

    As entidades Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación Veciñal de Ferrol Vello, Fundaçom Artábria e o BNG, diante da presentación do anteproxecto de rehabilitación da casa natal do escritor Ricardo Carvalho Calero polo concello de Ferrol, queremos facer saber o seguinte: 
 
    O pasado día 9 de abril, o goberno local presentaba o anteproxecto de actuación para a recuperación do ámbito no que se atopa a vivenda natal do escritor Ricardo Carvalho Calero, no barrio de Ferrol Vello. Entre as liñas mestras do anteproxecto destacáronse as seguintes: 
 
            1. Que é necesaria a rehabilitación para evitar que os espazos síganse degradando. 
            2. Que a proposta consiste en recuperar aspectos identificables da vivenda en base ao arquivo                     fotográfico do Concello. 
            3. Que os edificios convértanse nun “complexo cultural e de servizos” entre os que se podería                     incluír un espazo de usos múltiples, un co-working, a Casa Museo de Carvalho Calero ou                     incluso algún servizo municipal. 
 
    Unha vez coñecida esta noticia polos medios de comunicación, as entidades asinantes deste manifesto queremos facer as seguintes consideracións ao respecto das importantes deficiencias que presenta o anteproxecto: 
 
            1. En primeiro lugar, que, se ben compartimos có Concello a necesidade de rehabilitación                         destes cinco inmobles (e destacadamente a casa natal de Ricardo Carvalho Calero),                                 consideramos que este anteproxecto obvia a magnitude da figura de Carvalho e as                                 necesidades veciñais.
             2. Non parece axeitado facer este tipo de rehabilitacións tan só como un puro proxecto                             urbanístico sen fundamentar. Non é lóxico que se propoña facer unha rehabilitación sen                         definir previamente un plan de usos para as instalacións.
             3. A ausencia deste plan de usos evidénciase na falta de cohexión e coherencia interna do                         proxecto, propóñense os mais variados usos, sen que garden unha mínima relación entre eles                 (co-working, oficina do peregrino, museo, servicios municipais…) Isto supón a creación de                     espazos compartimentados, illados entre si. Esta falta dun plan xeral toma forma na propia                     linguaxe arquitectónica proposta para cada un dos 5 inmobles, sendo o resultado dunha                         grande heteroxeinade, cunha linguaxe diferenciada para cada unha das vivendas             
              4. Os usos previstos no anteproxectos son moi xenéricos, pouco realistas e inxustificados, o                      que denota de novo unha falta de estudo e de profundamento. No caso do co-working a súa                   creación podería ter algún sentido se houbese na cidade unha escaseza de locais e dun                          sector de emprededores que estivesen a demandar este tipo de espazos. Se ben, isto non                          semella ser a realidade de Ferrol. Habería que engandir outros factores a considerar,                              como o auxe do teletraballo e a falta de previsión dos servizos auxiliares que require un                         co-working. Por outro lado, a creación dunha oficina do peregrino semella inxustificada,                      tendo enconta que no porto xa existe unha na actualidade. 
              5. O proxecto non considera os valores asociados a casa natal de Ricardo Carvalho Calero, en                   tanto que esta representa o estreito vínculo de Carvalho con Ferrol, e a transcendencia                          daqueles anos de vida en Ferrol Vello á hora de conformar a persoa e ao autor. O proxecto                      deberá ser acorde coa magnitude da figura de Carvalho e có lugar de memoria no que se ten                   constituído a súa casa natal. Por tanto, a actual prosposta non concorda có que debería ser o                   fío condutor do proxecto: a recuperación da memoria do escritor, sen caer na banalización                      ou en usos inapropiados para un espazo destas características. 
              6. Exposto todo o anterior, cremos que o anteproxecto presentado non se acomoda ás                                  necesidades dos veciños e veciñas, nin por suposto, á dignificación da memoria de Ricardo                    Carvalho Calero..
 
     Non nos querendo quedar nunha mera crítica ao proxecto, facemos tamén unha serie de propostas, que cremos, son imprescindibles a ter en conta neste anteproxecto.
 
             1. Cómpre partir da base de que se debe abrir un diálogo directo coas entidades que levan                         décadas reivindicando a figura do escritor en xeral, e a rehabilitación destes espazos en                         particular; así como coa venciñanza. Este proceso non se pode facer ás súas costas. 
             2. O fío condutor debe ser Ricardo Carvalho Calero. O seu contributo de cara a cultura e lingua                  galegas é tan importante como para que o espazo dedicado a súa figura e legado se converta                  nun referente e un punto de interese a nivel de toda Galicia. A súa vez, a figura de Carvalho                  e as súas multiples facetas permiten, dentro do que deben ser uns usos exclusivamente                         culturais, abranguer diferentes usos e perspectivas, articuladas entorno á memoria de                             Ricardo Carvalho Calero (a interpretación histórica e a memoria do barrio no que se criou e                  ao que fai referencia en moitas das súas obras: o estudo da lingüistica, a literatura galega, a                     actvidade teatral, os persoeiros da cidade cos que se relacionou ou que teñan feito unha                         achega importante á cultura galega... son algúns dos aspectos que poderían ser asimilados                     dentro da adicación principal como espacio á memoria de Ricardo Carvalho Calero). 
            3. Consideramos que é necesario un proxecto que se integre na contorna de Ferrol Vello. Por                     iso, dentro dun uso cultural, é importante ter en conta as necesidades da súa veciñanza: Isto                  é solucionar a falta de instalacións onde as veciñas e veciños do barrio poidan desenvolver a                  súa programación cultural. Punto crucial para a dinamización e recuperación do barrio.
            4. Consideramos que a rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero, xunto coas outras catro                 vivendas, é crucial na rexeneración de Ferrol Vello. O proxecto ten moita potencialidade e                    pode dar resposta tanto ás necesidades veciñais, como ás expectativas daquelas asociacións                    que foron as principais valedoras da figura de Carvalho Calero. Á vez que se crea un espazo                 cultural entorno á memoria de Carvalho que podería ser un referente a nivel de toda Galicia.                 Por tanto, chamamos a que o Concello comprométase de verdade coa recuperación da casa                    natal de Ricardo Carvalho. Isto pasa por elaborar un auténtico plan de usos que se                                fundamente nas necesidades e demandas sociais.
 
     O 30 de outubro de 2020 unha serie de entidades, entre as que se atopan Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Fundaçom Artábrica, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación Sociocultural Muíño do Vento, Rede do Patrimonio Cultural, Colectivo Literario Moraima e Cerna de Carvalho, presentamos unha proposta de solicitude para a declaración como BIC (Ben de interese cultural da Casa Natal de Ricardo Carvalho Calero). Nesta expóñense moitas destas liñas anteriormente citadas.
 
     Ás entidades asinantes deste manifesto invitamos a outras entidades e á cidadanía en xeral a sumarse a esta proposta, que por suposto, sempre estará aberta a melloras e ideas que poidan redundar no que cremos que é un proxecto compartido por todas e todos: a recuperación da memoria de Ricardo Carvalho Calero.
                                                                                                                     Ferrol, a 25 de Abril de 2021

Comentarios