A man pola xustiza: un testemuño de ordalía na Terra de Trasancos

Atopámonos en agosto do ano 1069, o lugar, o Mosteiro de San Martiño de Xuvia. Neste templo estase a dar un contencioso entre un home chamado Liuva e dous dos persoeiros máis notábeis da súa contorna: o abade Antino e, sobre todo, Froila Bermúdez, grande nobre trasanqués e patrón do dito mosteiro. O motivo polo cal están estas personaxes presentes, xunto con outras testemuñas, é a disputa existente en torno a un terreo cheo de maceiras que se atopa nos arredores da actual Fonte de Neixa (Narón). Liuva asegura ante os asistentes que grande parte da herdanza deste terreo caera nel por parte dunha dona chamada Aragunta; feito que o abade Antino nega, aseverando que a propiedade pertence ao mosteiro. Mais Liuva está ben seguro do que está dicir e non dubida á hora de manifestar que a verdade está da súa parte e que é a comunidade de frades a que está mentir. Liuva non é consciente de que a súa teima, malia responder á verdade, está guiándoo cara medidas extremas que fagan que abandone a súa causa. Ante a acusación de falsidade, o abade Antino (baixo a atenta observación de Froila Bermúdez) decide, xunto con outros presentes, que Liuva sométase á pena caldaria coma proba de que o mesmo home é certo no seu testemuño.

 

Imaxe actual da ábsida do mosteiro de Xuvia (A actual estrutura corresponde aos ss. XII-XIII)

Chegados até este punto, é moi posíbel que xurda a pregunta: que se supón que é a pena caldaria? Para explicala, cómpre que nos dirixamos primeiro cara o termo ‘ordalía’. Nos séculos iniciais da Idade Media, caracterizados polo retroceso do marco xurídico común herdado do dereito romano, deuse na Europa occidental un sistema baseado no desafío. A través da aceptación deste en xuízo, un individuo podería probar, non a verdade coma tal, senón a forza do seu argumento. Dentro da tipoloxía de probas posíbeis, eran as ordalías as máis destacadas. Eran estas probas corporais, físicas, polas que unha persoa sometíase a un dano con tal de amosar de que lado se inclinaba a razón nun litixio. A ordalía podía ser levada a través do lume ou, coma no caso da pena caldaria, da auga. E é que a devandita proba caracterizábase polo emprego dun caldeiro con dito líquido fervendo, onde se depositaban unhas pedras có obxectivo de que “unha man inocente” fose capaz de recollelas mentres sufría os efectos da intensa calor. Pasados tres días, retirábase a vendaxe posta trala proba para comprobar que a man escaldárase correctamente (o que daba razón ao individuo ou colectivo acusadores); ou, polo contrario, se esta milagrosamente se librara dos efectos da ebulición (cousa rara coma se pode deducir e que amosaba a efectiva veracidade do testemuño dado polo bando acusado). Dito proceso, que aos nosos ollos semella inxusto e desproporcionado, foi común na Europa da Alta Idade Media (ss. V-X), tendo significativos exemplos tanto na lexislación do Reino Franco do s. VI (Lei Sálica) coma na Inglaterra do s. X (Leis do Rei Athelstan). No solar da actual Galiza, destacan outras probas do emprego da pena caldaria, coma é o litixio entre a infanta Dona Sancha e a Igrexa Lucense de 1039. Neste caso, dado pola acusación eclesiástica á infanta por saber se unhas mulleres eran da súa propiedade, sufriron pena as testemuñas por parte da igrexa; saíndo incríbelmente ilesas ao terceiro día. Cabe dicir que unha delas era o bispo Aloito, o que nos pode dar idea de que algunha trampa se podía dar no procedemento se este se aplicaba a individuos da alta sociedade.

                 

Gravado que representa unha proba “ordálica”


O uso interesado da pena caldaria por parte dos poderosos fica claro no mesmo caso de Liuva. Sendo coma era este home o propietario dun extenso pomar, a produción do froito e do seu derivado, a sidra (cuxa relevancia no marco altomedieval ten tratado Ermelindo Portela), non podía quedar moi lonxe da cobiza do mosteiro e de Froila Bermúdez, auténticos terratenentes de Trasancos. Ante a incapacidade de tomar a terra de xeito directo, o mosteiro abriu o litixio acusando a Liuva; sostendo que eles tiñan probas de que efectivamente Aragunta doara a propiedade ao mosteiro. Coma non semella que o mosteiro aportase directamente a documentación acreditativa, Liuva teimou no seu testemuño, tanto, que deu pé a que o abade Antino puidese recorrer a unha ferramenta lexislativa imposíbel de esquivar.

 

O froito da disputa

É neste punto onde nos volvemos colocar coma testemuñas no proceso xudicial. Liuva é consciente de que no caso de se someter a proba, terá que pagar pola súa propiedade o que diten os poderosos; pois sabe que el non é bispo para que se obre un milagre na súa man. Sen dubidalo, opta por se botar aos pés do abade e aceptar a súa versión dos feitos. Deste xeito, grande parte da súa propiedade pasa inmediatamente ao Mosteiro de Xuvia e os presentes diríxense a corroborar dita transacción para facela firme.

Coma temos visto, a ordalía naqueles tempos era un procedemento extremo que, mais que asegurar a xustiza, dirixíase a garantir o interese dos grupos máis notábeis coma ferramenta infalíbel. Isto, lonxe de ser unha peculiaridade, repítese acotío na Historia (se ben hoxe en día non nos temos que someter a probas físicas de semellante crueldade).

Coma epílogo, dicir que semella que ditas probas “ordálicas” decaeron paseniñamente có transcorrer do tempo; se ben aínda no período pleno e baixomedieval (ss. XI-XV) danse probas da súa existencia nos ámbitos oficiais. O que é máis, semella que a nivel popular o método da proba seguiu tendo especial relevancia, tal é coma nolo amosa o testemuño do bispo mindoniense Antonio de Guevara, quen di ao redor de 1541: ‘(...) nos consto (...) que muchos hombres que temen poco a Dios, teniendo sospecha que sus mugeres, o sus amigas les hacen beneficio, y que para certificarse quando paren si paren de ellos, ellas lleban a la Iglesia a hacer sobre el Santísimo Sacramento juramento, y otras veces les hacen poner la mano sobre una bara de hierro ardiendo, y otras veces les hacen mojar las manos y meterlas en un escriño de harina, diciendo que si se apega la harina a las manos mojadas fe hizo maleficio y sino no (...)’. De novo, coma vimos previamente, a ordalía era unha práctica exercida coa fin de amedrentar aos individuos nunha situación máis feble.

Fontes e bibliografía:

  • AHN, CODICES, L. 1047

  • FOUCAULT, M., La verdad y las formas jurídicas, Gedisa, Barcelona (1996)

Comentarios