Onde temos constancia da presencia vikinga preto de Ferrolterra?



  `Normannorum cum rege suo nomine Gunderedo ingresse sunt urbes Gallecie, et strages multas facientes in giro sancti Iacobi, episcopum loci illius gladio peremerunt nomine Sisinandum, ac totam Galleciam depredaverunt, usquequo pervenerunt ad Pireneos montes Ezebrarii. Tertio vero anno, remeantibus illis ad propria, Deus quem occulta non latent, retribuit ultionem. Sicut enim illi plebem christianam in captivitatem miserunt, et multos gladio interfecerunt, ita et illi priusquam a finibus Gallecie exirent, multa mala perpessi sunt. Comes namque Guillelmus Sancionis, in nomine Domini et honore sancti Iacobi cuius terram devastaverunt, exivit cum exercitu magno obviam illis, et cepit preliari cum illis; dedit illi Dominus victoriam, et omnem gentem ipsam simul cum rege suo gladio interfecit, atque classes eorum igne cremavit, divina adiutus clementia.´

   `No ano segundo do seu reinado [de Ramiro III, 968 d.C.], cen naves de normandos có seu rey, por nome Gunderedo, entraron nas urbes de Galicia, e facendo moitos estragos ó redor de Santiago, mataron con espada ó bispo daquel lugar, por nome Sisnando, e saquearon toda Galicia, ata que chegaron ós montes Pirineos do Cebreiro. Mais ó terceiro ano, volvéndose eles ó seu país, Deus, a quen non se agocha o oculto, recompensou con venganza. Pois así coma eles puxeron en cautividade ó pobo cristián e mataron a moitos con espada, tamén así eles, antes de que sairan dos confíns de Galicia, experimentaron moitos males. Porque o conde Guillerme Sánchez, no nome do Señor e honor de Santiago, cuxa terra devastaran, saíu cun grande exército ó seu encontro e comezou a pelexar con eles; deulle Deus victoria, e matou con espada a toda aquela xente xunto có seu rei, e prendeu lume ás naves deles, axudado pola clemencia divina.´

Crónica de Sampiro, s. XI


  Este fragmento acerca da incursión do xefe normando Gunderedo, levada ó cabo entre os anos 968-969, esperta moitas dúbidas acerca do traxecto que seguiron as naves e os homes do norte no seu violento tour por Galicia. 

  Pese a iso, autores coma Sánchez Pardo teñen identificado o lugar  da derrota de Gunderedo coma a Ría de Ferrol: `(...) un ejército dirigido por el conde Gonzalo Sánchez,que, «sediento de venganza» atacó a los normandos cuando se disponían a embarcar de nuevo cerca de Ferrol. Este ejército logró vencer a los invasores, matar al mismo rey Gunderedo, quemar parte de las naves, recuperar el botín y liberar a los prisioneros´ (SÁNCHEZ PARDO, José Carlos 2010. “Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI” en Anuario Brigantino, número 33, 57-86, p. 70). 

  Coma vimos no fragmento da `Crónica de Sampiro´, é moi arriscado aseverar que Ferrol fora o lugar da batalla que botou ás hostes normandas. Así o sinala Vitorino Pires: `Não se conhece o local da batalha que ditou a derrota e morte de Gunderedo. Ao que sabemos, não tem qualquer fundamento histórico a ideia de que o confronto ocorreu junto à povoação galega de Ferrol e ainda que essa teoria pareça ter adeptos recentes, como Sánchez Pardo (2010, 70). Da Crónica de Sampiro apenas se pode retirar que terá sido junto à costa ou próximo de um grande rio, dado que o relato fala do incêndio da frota nórdica´  (VITORINO PIRES, H.F., `Incursões Nórdicas no Ocidente Ibérico (844-1147): Fontes, História e Vestígios´, Tese de Doutoramento em História Medieval, 2012, p. 147)

  Deste xeito, é moi difícil, en base á documentación medieval, situar ós vikingos en Ferrol. Tíñamos mesmo escoitado historias que nos falan da súa presencia polo Mosteiro de Xuvia. Nunha `Sinopsis monográfica do Mosteiro Benedictino de San Martiño de Xuvia ou do Couto´ de Souto Vizoso dise: `(...) en el 867 desembarcan en la ribera de la ría fuerzas expedicionarias escandinavas, normandas o vikingas que asaltan el convento (...) y así hasta el siglo XII (...), razón por la cual la mayor parte de la antigua fábrica del monasterio ha desaparecido (...)´ (SOUTO VIZOSO, A.,`Sinopsis monográfica del Monasterio Benedictino de San Martín de Jubia o del Couto´, Pontedeume, 1981, p. 15). A certeza que posúe dito autor non se reflicte nunha mención ás fontes que manexa; polo cal é difícil dicir se estas palabras estan baseadas nalgún documento do que non teñamos constancia.



  Visto o anterior, onde estiveron os vikingos? Antes de vos ofrecer unha mención documental acerca do seu paso preto da nosa área (sen ser Ferrolterra mesmo), aclarar unha pequeña cousiña. Na documentación medieval temos un termo para facer mención a estes homes do norte aparte de normannus. Este é visible, por exemplo no `Tombo Vello da Catedral de Lugo´:


`leodomanorum´

  Este termo, en nominativo latino `leodomanus´ está presente no seguinte documento inserto no `Cartulario do Mosteiro Benedictino de San Martiño de Xuvia´:


  Fixémonos en concreto nesta pasaxe:


`(...)et iterum do ad ipso patronis mei sancti Martini, monasterio sancti Iuliani de Mondego in territorio de Nemitos quos fuit de proienue nostra et testarunt illa ad ipso monasterio et tenuerunt illa in uoce ipsius loci post hoc uenerunt gentes laudomanes in ipsius prouinciis et destructa est ueritas et exaltata est mendacitas et tenuerunt illa homines que non fuerunt ex proienie nostra ad usu fructuario (...)´

`(...) e tamén dou ó dito mosteiro do meu patrón San Martiño [as propiedades de]San Xián de Mondego, no territorio de Nemitos, o cal foi da nosa familia e legaron aquelas ó dito mosteiro e tiveron aquelas en voz do mesmo lugar. Despois disto, viñeron xentes laudomanas [normandas] cara estas mesmas xurisdicións e foi arrasada a verdade e exaltada a mentira, e tivéronas  aquelas homes que non foron da nosa familia para o seu usufruto  (...)´



  O documento data do 9 de Novembro de 1086 e trátase dunha serie de doazóns feitas por Froila Pérez Vermúdez, nobre pertencente á linaxe dos Traba. Coma vemos, San Xián de Mondego atópase preto de Sada, cara o interior. 

  Estes feitos probablemente son posteriores á derrota de Gunderedo, mais non se nos aclara a data exacta. Só sabemos que todo isto aconteceu nun momento previo ó ano 1086. De todos modos, esta constitúe unha proba documental máis exacta acerca dunha área arrasada polos ataques normandos; sendo capaces de situala, aproximadamente, no mapa. 

  Non é propiamente Ferrolterra, pero lonxe non queda.

BIBLIOGRAFÍA:
SÁNCHEZ PARDO, José Carlos 2010. “Los ataques vikingos y su influencia en la Galicia de los siglos IX-XI” en Anuario Brigantino, número 33, 57-86

VITORINO PIRES, H.F., `Incursões Nórdicas no Ocidente Ibérico (844-1147): Fontes, História e Vestígios´, Tese de Doutoramento em História Medieval, 2012

SOUTO VIZOSO, A.,`Sinopsis monográfica del Monasterio Benedictino de San Martín de Jubia o del Couto´, Pontedeume, 1981

ENLACES WEB:

Crónica de Sampiro:




Tombo vello da Catedral de Lugo:

Cartulario do Mosteiro Benedictino de San Martiño de Xuvia:

  


Comentarios