Renuncia a un foro do Mosteiro de Xubia: Os Piñeiro, a encomenda de Portomarín e a reforma observante no Reino de Galicia

  Seguindo coas entradas relativas á `Colección de diplomas del monasterio de benedictinos de San Martín de Jubia´ (clique aquí), hoxe atendemos á renuncia dun foro por parte dun home chamado Xoán Piñeiro, a quen se menciona coma comendador da orden de san juan de rodas, datado a vynte dias do mes de março anno do nasçemento de noso salvador ihesu christo de mill e quatroçentos e noventa e hun.
  
  O comendador pertencía a unha liñaxe que, segundo a tradición, ostentara o dominio sobre o castelo e señorío de Naraío. Ó parecer, o seu antepasado, Gonzalo Piñeiro, aliñado có rei Pedro I no marco da primeira guerra civil castelá (1366-1369), negárase a ceder unha nave que posuía na ría de Ferrol para transportar a Henrique de Trastámara cara Francia. Unha vez no poder, o agora rei Henrique II, coma contrapartida á decisión de Gonzalo, cedeu o seu castelo e señorío a Fernán Pérez de Andrade. 
Torre da homenaxe de Naraío.

  Deste xeito os Piñeiro, así coma outras liñaxes antano poderosas (os Lago p.e.), víronse reducidos nun entorno agora dominado polos Andrade. 

Escudo dos Piñeiro que se situaba na casa da encomenda de Portomarín (sacada de Portomarín: Tablón de memoria. Pasado y presente).
  
  Volvendo a Xoán Piñeiro, este descendente de Gonzalo adheriuse á Orde Hospitalaria (de san juan de rodas no documento) e chegaría a ser comendador desta en Trevejo e Portomarín (onde a orde afincábase dende os séculos XI-XII asociada á ruta xacobea). Ademais, atópamolo vinculado ás campañas militares en Italia (1494-1498) e adicado á exportación e importación de mercancías dende barcos da súa propiedade. 

Territorios da encomenda de Portomarín en: GARCÍA TATO, I., `Las encomiendas gallegas de la orden militar de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental´, CSIC, Santiago, 2004,  p.67.
  
  No documento que nos ocupa, onde aparece, aparte de Xoán, o seu irmán Roi, vesino da dita villa de ferroll, o comendador renuncia a unha serie de viñedos sitos nos arredores da vila e mosteiro ó aludir a que quizais pero de ferreyros e afonso de poy vesinos da dita villa de ferroll poderían facer fronte á explotación das viñas e ó pago do foro dadas as obras que el sennor obispo de cathania abia mandado fazer. Estas eran coro do dito moesteiro e outras obras, pa as que es o dito moesteyro prior monjes et conbento del non tenian dineyro. Así pois se confía en que os novos beneficiarios do foro constitúan unha fonte de ingresos para afrontar as obras mandadas facer polo obispo de cathania.


Dous fragmentos do documento acerca das equivalencias monetarias en 1491: vynte e qatro moravedies vellos que fazen dez cornados o moravidi e, abaixo, duzentos moravedies [en] pares de branqas.
  
  Facendo un alto no bispo mencionado, este se trataba de Alfonso Carrillo de Albornoz, enviado dos Reis Católicos para a reforma monástica da orde bieita a partires de 1487. Esta reforma, dada no Reino de Galicia antes que noutros territorios da península, establecía a observancia coa fin de evitar a disipación nos hábitos de vida dos monxes. Tamén valoraba o estado dos mosteiros, promovendo obras para afianzalos; coma vemos polo coro de San Martiño. Dito coro, se non sufríu alteracións posteriores, semella que foi removido no ano 1927. Ó  parecer, este se situaba na parte final da nave central do templo románico.


Mosteiro de Xubia en 1883.
  
  Unha liñaxe da comarca ferrolá que nos conecta coa encomenda de Portomarín, unha renuncia motivada pola necesidade de pecunia e unha reforma monástica que nos conecta có reforzo dun poder central nos inicios do mundo moderno. Non é pouco para este artigo.

DOCUMENTO E TRANSCRICIÓN*:




Enno mosteyro de san martinno de jubya da horden de san byeito da diocese de mondonedo a vynte dias do mes de março anno do nasçemento de noso salvador ihesu christo de mill e quatroçentos e noventa e hun
annos en presençia de min o notario e testigos ajuso escriptos dentro do dito moesteyro o sennor prior don anton lopes se juntou en capitolo con seus monjes chamados para o dito capitolo absentes e presentes e asi chamados
se juntaron todos enno dito capitolo que non faltou ningun e logo o dito sennor prior diso a los monjes do dito capitolo que ben sabyan como juan pineiro comendador da orden de san juan de rodas tenia la vynna que se chama da lon-
gara como testa da huna parte de çima todo ao longo enno caminno antigoo de sua aldea de canido que vay a villa de ferroll para la aldea de reçemill e da outra parte enno tarreo que agora ten afonso gomes amorosio  et da
outra parte enna vynna que foy de mayor de bouçoa et da outra parte de vayxo todo ao longo enno comaro da chousa que se chama a longara vella et mays outro baçelar de vynna que jaz enna chousa que se cha-
ma de agro boo como testa de huna parte de vaixo todo  ao longo enno dito caminno antigoo et o d outra parte enna vynna que agora labra maria condessa et da outra parte enna vynna que agora labra fernan de
carançoa et da outra parte de çima enno comaro da chousa que se chama pumar donego et mays a meetade do agro que se chama da fraga como agora esta de marcado per seus marcos e devysoos
segundo que ao presente tempo o tenia e posoe roy pineiro vesino da dita villa de ferroll por si e por lo dito juan pineiro comendador seu yrmao aquela dita vynna e baçelar e meetade do agro son sitas enna fligresia de
san giao da dita villa de ferroll et el o dito comendador las tenia do dito moesteyro por foro que oubese de dar e pagar ao prior monjes e conbento del en cada hun anno doze moravedies vellos et que agora o dito co-
mendador renunçiaba e avia renunçiado o dyto foro enno dito moesteyro et por que el sennor obispo de cathania abia mandado fazer o coro do dito moesteiro e outras obras pa as que es o dito moesteyro prior monjes et
conbento del non tenian dineyro que selles paresçia que o dito foro se debia fazer a pero de ferreyros e afonso de poy vesinos da dita villa de ferroll para eles e suas molleres e seus  fillos e netos por lo preçio que la te-
nia el dito comendador para que eles desen alguns dineyros e moravedies para podise saibar las ditas binas poys non abian de donde se podese saqar dineyro et por que las ditas vynas e agro estaban destruy-
das e disipadas et por que los suso ditos las reparasen ben en maneira que non se perdesen e se remedeasen et logo los monjes con acordo do dito prior diseron que querian fazer del tractado que o dereito en tal caso
require para cumunicar se con vynna faz o dito foro et despois que oubesen pensado quatro ou çinqo dias ou mays en elo que veerian o que cunprese en outro capitolo et ansi quedaron o dito prior e monjes en seu tratado
e en su capitolo et mandaron a min o dito escripvano que ansi lo asentase testigos que eran presentes roy de fontana e afonso tenreiro moradores enno couto do dito moesteyro de san martino e pero fernandez escripvano do sennor
rodrigo de çespes alcalde mayor e outros et despoys desto a oyto dias do mes de abril ano e era suso ditos estando en capitolo o dito sennor prior e seus monjes diseron en presençia de min o notario e testigos a suso
escriptos que outorgaban e outorgaron este dito foro en la forma seguente et que estes ditos traitados tobesen tanta força e vigor como se todos aqueles que o dereito dispone fosen çelebrados enno nome de
deus amen saban qantos esta carta de foro viren como nos don anton lopez prior do moesteyro de san martinno de jubya da orden de san benedyto da diocese de mondonedo et connosco pero garçia e juan de catasol
monjes do dito moesteyro que seendo todos ajuntados e chamados per campana tanjida dentro da iglesia do dito moesteyro en noso cabydoo segundo que abemos de uso e de custume et abydo sobre elo primeiramente consello acer-
to e deliberaçion e cabydoos que veendo e conosçendo que todo lo adyante contenido en este foro he prol honra e boo reparo utilidad e proveyto do dito noso moesteyro prior e conbento del que ao presente resydimos
et dos que despois de nos en el overen e residiren outorgamos e conosçemos que aforamos e por razon de foro damos a vos pero de ferreyros e a vosa moller tareixa garsia en huna meetade et a vos afonso de poy e a vosa
moller tareixa nuniz en outra meetade todos vecinos e moradores enna dita villa de ferroll para en dias de vosa vyda e de cada unnos de vos et despois vosa morte para vosos fillos e fillas que ao presente tenedes et de
aquí adiante de vos desçenderen e ouvedes et despois da morte dos ditos vosos fillos e fillas e de cada hunos deles a vosos netos e netas que asi dos ditos vosos fillos e fillas desçenderen ora estes ditos fillos e
fillas netos e netas sejan legitimos ou bastardos por que nosa fynal intençion es que en todos este dito foro aja lugar et synandose huns que quede e vague ennos outros e dos outros ennos outros fasta aa
morte do postremeiro de vos e de cada unos de vos e deles e de cada hunnos deles conben a saber que vos aforamos como dito he a sobredita nosa vynna da longara e sobredito noso baçelar de vynna
et a sobredita nosa meetade do dito noso agro da fraga segundo que de ariba son testadas e demarqadas vynnas e agro per seus marqos terminos e divisoos et abedes de dar e pagar por renda e pen-
syon en cada hun anno por las ditas vinas e agro por cada [dia] de san martinno de nobenbro vynte e qatro moravedies vellos que fazen en dez cornados o moravidi postos en paz e ensalvo enno dito moesteyro et abedes de
seer boos amigos e obedientes ao dito moesteyro prior e presentes del et non abedes de bender nin troqar nin conqaubar nin abuenar as ditas vynas e agro con  persona algunas per que o dito moesteyro paga seu dereito
salvo per consyntimento do dito moesteyro que para elo obligamos et ansi meesmo por nos e por la voz do dito noso moesteyro e dos outros nosos suçesores que despois de nos vyran asy vos lo damos et outorga-
mos segundo e enna maneira que se en este dito foro conten et prometemos e outorgamos de vos lo teeremos e guardaremos e obregeremos en todo e por todo syn reserçion nin contradiçion alguna et se o fazer que seremos
queremos e outorgamos que nos non valla en juyzo nen fora del et juramos a deus et aeste synal de cruz ┼ en que poemos nosas maas dereitas que teeremos e conpreremos e guardaremos este dito foro segundo e
enna maneira que se en el conten el qual queremos que se estenda a nosos suçesores para que asi mismo lo cunpran e guarden del qual dito juramento juramos a este synal de cruz ┼ en que poemos nosas maas dereitas que non pydi-
remos absoluçion in relapaçion de obispo arçobispo nin de santo padre et se la pydiremos que nos non valla et queremos mays que aven que los sucesores asy de vosa parte como da nosa por alguna razon sejan mu-
dados que deste dito foro non aja outra renovaçion sobre lo qual renunçiamos las leys e dereitos que en contrario desto fallan et qualquier de nos partes que contra elo quiser pasar  ou la quiser contradizer ou enbargar en qual-
quier maneira paga por persona a outra parte conprir e guardar a meetade do dobro da valya das ditas vynnas e agro e a outra meetade paga e seja para a voz del rey e sua justiçia que nos lo faga teer e conprir abreger
e guardar segundo e enna maneira que en este dito foro conben et a persona pagar da ou non dous foros que sobre esto mandamos fazer a ambos en hun tenor para cada parte o seu fiquen sempre çertos e vallan durante seu
tempo et queremos que esta da raro manenty pacto non se entenda en noso fabor antes en fabor de vos los sobreditos que reçebydes o dito foro et nos lo dito prior monjes e conbento do dito moesteyro que a esto somos
presentes por nos e por la voz de dito moesteyro asy vos lo outorgamos e prometemos de lo teer guardar e conprir todo como dito he lo qual vos asi fazemos acatando que sodes personas que melloraredes o dito foro
vynnas e agro en el cotenudas que estan maltratadas et porque por vosa mano se remedeen e se tornen a reparar e non se paga de todo segundo que seja e ban disipando e destruyndo et porque asy e
mismo destes e pagastes para o coro que ao presente se fayz enno dito moesteyro e outras obras por mandado do sennor obispo de catania vysitador e juyz aplico de los moesteyros deste regno tres mill e
duzentos moravedies pares de branqas los quales confessamos en utilidad do dito moesteyro seer gastados et porque es ansi verdade queremos que para esto por vosa parte non seja menester outra probança alguna por quanto
todo lo que en esto fazedes he con intençion e boa ffe que teedes para o dito moesteyro e suas cousas e reparos et renunçiamos e partimos de nos todo dereito que en contrario desto nos ou nosos suçesores pody-
riamos dizir e alogar et en espiçial renunçiamos la que lo ordinaria de la auctoria que res e de sacro sanctio ecclesyis (?) e la dotrinna del bartholo e baldo en la dita auctoria de los quales ditos moravedies nos da-
mos por contentos e ben pagos per ante o presente notario e testigos per ante que nos fezestes la paga deles et queremos mays que sobre ditos non pagaren a dita pensyon dentro do termino de dereito que
por quenon cayan do dito foro et que cada e quando que pararen que o dito foro les quede en seu vigor segundo e ao tempo que lles foy outorgado sobre lo qual aalende de lo sobre dito renunçiamos
que non poramos dizer e alegar que o dito foro he engannosso ao dito moesteyro ni a nos en seu nome et renunçiamos todos los outros dereitos escriptos e non escriptos que en noso fabor e contra
os sobre ditos fazer poderian et ansy mismo aja sejam preceptivos ou prohibitivos et renunçiamos las leys e dereitos que disponen que los dereitos preceptivos e prohibitivos non poden ser re-
nunçiados et las leys e dereitos que dizen que general renunçiaçon  non vale e a nos conosçemos e somos ben çertos deles et suplicamos e pedimos por mercede al sennor obispo de mondonedo de noso
superior que este dito foro querra enterpoer sua auctoridade e decrete aqui de neçesydad se require autoridad de obispo et nos pero de ferreyros afonso de poy suso ditos que presentes somos por nos
e por los ditos nosos sucesores fillos e fillas netos e netas asy ho reçebemos et obligamos a nosos bees e dos ditos nosos suçesores de dar e pagar los sobre ditos vynte e qatro moravedies vellos
por renda e pensyon en cada hun anno enno dito moesteyro como dito he feyta e outorgada foy esta dita carta de foro dentro enna dita iglesia do dito moesteyro de san martinno de jubya dia mes anno
e era sobre ditos testigos que eran presentes fernan rodrigues vella que canonigo de pedrosso afonso de vilachaa diego de figueiras afonso doçe rodrigo ares o moço e outros
et eu juan vasques notario publico de noso sennor el rey enna sua corte e en todos los seus regnos e terras e senorios aesto que de suso dito
vio et viron os sobre ditos testigos presente foi e esta sobre dita carta de foro seendo ocupado de outros negoçios ben e fielmente
per outro en minna presença la fize escripvir e por que todo lo de suso es verdade firmo y aqui de meu nome e signo acostumado
que tal he en testigos de verdade rrogado e para elo  requiridores
[firmas do escribán e do prior]

* Os parágrafos respectan as liñas do documento orixinal.

BIBLIOGRAFÍA:

GARCÍA TATO, I., `Las encomiendas gallegas de la orden militar de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental´, CSIC, Santiago, 2004 (aquí)

PENA GRAÑA, A., `Narón un concello con historia de seu´, Tomo II, Concello de Narón, 1992 (aquí)

PÉREZ RODRÍGUEZ, F.J., `Los inicios de la reforma observante en el reino de Galicia: la obra de don Alfonso Carrillo de Albornoz, obispo de Catania, entre 1487 y 1494´ en `Rodesindus´, nº8, 2012

YZQUIERDO PERRÍN, R., `San Vicente de Pombeiro y San Martín de Xubia: dos monasterios benedictinos pertenecientes a Cluny´ en `Anuario Brigantino´, nº35, 2012 (aquí)

ENLACES WEB:





Comentarios