Sobre as `pontesdeume´: Un documento de 1295

  Observando o título desta entrada do noso blogue, moitos estaredes a pensar directamente na vila de Pontedeume, mais esta `pontesdeume´ á que nos referimos trátase en realidade das Pontes de García Rodríguez.
  A primeira noticia que temos das Pontes coma vila de reguengo chéganos a través dun documento de 1267 que nos amosa que a poboación contaba cun couto xurisdicional ben definido por unha serie de fitos delimitadores; algúns deles aínda hoxe identificables.  
 Así pois, considerando a anterior evidencia, teríamos ó concello medieval das `pontesdeume´ constituído previamente ó da `pobra´ de Pontedeume; esta última con fuero dende 1270.

Resultado de imagen de afonso X
Foi Afonso X `O Sabio´ (1252-1284) quen outorgou carta de poboación á vila de Pontedeume. Pode que tamén ás Pontes?

  Vinculando có documento ó que fai mención esta entrada, sabemos que a vida do concello foi moi difícil xa nese mesmo s. XIII. E é que, no contexto das loitas pola coroa trala morte de Sancho IV, semella que as Pontes tomou parte polo bando da raíña consorte María de Molina; quen, para asegurar a sucesión de seu fillo Fernando IV fronte ós seus curmáns, os infantes Afonso e Xoán (autoproclamados reis de Castela e de León, Galicia e Asturias respectivamente), viuse na necesidade de solicitar axuda ós diferentes concellos do Reino de Galicia. Considerando este clima de violencia na rexión é moi probable que a vila das Pontes fora abandonada á súa sorte mesmo polos `mais riqos´ sen tan sequera loitar pola súa defensa.
  Antes de pasar ó documento coa súa correspondente transcrición, dicir que, pese a non ter constancia dunha cerca (elemento que pode aparecer noutras vilas), si que temos constancia dun `castello´  situado na mesma poboación.
Pequeno boceto de elaboración propia acerca de coma sería máis ou menos a `pontesdeume´ de 1295.

  Dito todo isto, deixamos aquí o documento que inspirou o garabato de enriba:

  E a súa transcrición:

[1] `Era de mill e trescentos e trinta e tres annos [1295] vinte e oito dias dagosto en presença de min vidal martinez notario
[2] del rey enas pontesdeume e das testemonyas que ena fin desta carta son escritas martin llopes
[3] cavallero morador en reçemel e johan crespo diseron e frantaron por si e por toda
[4] a friglesia de reçemel tal raçon que eles con outorgamento do conçello e dos alcaydes das
[5] pontes [borrado] contra si e como sarrassen a villa e a villasen e a gardasen para el rey
[6] e para o conçello e elles conprindo e abergendo  todas llas cousas que lles mandaron per que a villa
[7] mays fose gardada e mays a serviço del rey e a pro  do conçello que y tres tomaas
[8] que os mays riqos que avia na villa que hermaron a villa de quanto y tinna assi dos corpos
[9] como dos averes porque vierron aa villa que non acharon y ome no mundo que gardasse
[10] a villa salvo o prior de pedrosso e pero yanes manaa alcayde con seus omes con sua conpana
[11] e disseron que esta villa que a hermaron e despoblaron sen desfiamento sen conbatimento
[12] que lles ninguen fezesse e porque elles vinan para a villa non achavan na villa ninhona vian-
[13] da nin fogo nin pan nin palla nin outra coussa porque sse mantevesse villa e castello e
[14] frontaron que dessaqui en diante que sse sse a vila perder non e por elles mays os que moravan
[15] na villa e a hermaron e a despoblaron que respondan della al rey e ao conçello e pero
[16] yanes manaa alcayde sobredito disso e frontou que el tyna muyta çeveyra mallada
[17] na villa e mallava en outra cuanto podia e frontoulles da parte del rey que lle
[18] ayudassen a gardar a villa para el rey e el gissaria como ouvesen en vianda cuanta
[19] ouvessen mister testemonyas don fernan peres prior de pedrosso garçia lopes pero folligado pero oanes
[20] de maçineyra ruy iohan de provoredo pero peres e johan martinez de saa e eu vidal martinez notario
[21] sobre dito escrivi e meu synal y pono´

  Coma conclusión a esta entrada dicir que, pese ás dificultades do novo núcleo, atopamos que xa cara finais do s. XIII temos nas Pontes un "tecido urbán" que se anticipa á súa adscrición ó señorío dos García Rodríguez de Valcarce; señores que lle darán o seu alcume de hoxe.

BIBLIOGRAFÍA:

UGORRI CASADO, F., `Nuevos datos sobre el primitivo concejo de As Pontes y sobre el señorío de los García Rodríguez´ en `Untia: Boletín do seminario de estudios mariñáns´, nº3, 1987, pp. 10-56

ENLACES WEB:






Comentarios