Grandes persoeiros que repousan en Xubia...

  Estes días estivemos a ler a obra de José Luis López Sangil `A nobreza altomedieval galega: A familia Froilaz-Traba ´.

Un dos blasóns vinculados ós Traba. Aínda en uso hoxe en día se nos fixamos, p.e., no Escudo do Concello de Narón.

  Esta liñaxe sobre a que nos fala López Sangil, constitúe a principal familia nobiliaria do Reino de Galicia entre os ss. XI-XII; sempre vinculados ós sucesos políticos desenvoltos neste territorio durante os séculos centrais da Idade Media. Pese ó nome có que nos referimos a eles, facendo mención ó conde Froila Bermúdez (finado o 27 de marzo de 1091) e ó topónimo de Traba (que se relacionaría có principal castelo desta familia), hai que dicir que para o período no que nos enmarcamos non existía tal denominación para este clan e os seus dominios; referenciándose sempre cada individuo polo nome do seu proxenitor (tomando coma exemplo o nome xa citado, sería `Froila fillo de Bermudo´; e os seus fillos/as á súa vez serían de alcume `Froilaz´). Polo tanto, é grazas á documentación xenealóxica previa que podamos reconstruír dun xeito máis ou menos fidedigno a evolución desta liñaxe. Esta documentación elaborouse vinculada ás numerosas doazóns, testamentos etc… que este clan outorgou a un grande número de cenobios galegos. Entre eles o mosteiro de San Martiño de Xubia.


Case igual a día de hoxe, salvo pola desaparecida Capela de San Miguel.


  En efecto, o mosteiro e o seu entorno son unha peza fundamental na historia dos Froilaz- Traba, actuando coma depositarios dos corpos dun grande número de membros desta familia. A continuación, e coma propósito desta entrada do blogue, pasaremos a citar en concreto a tres deles, avó-pai-fillo, resaltando feitos clave dentro das súas vidas (sempre que a documentación o permita) que constitúan un fío entre o cenobio trasanqués e a historia galega.

  O primeiro soterramento en San Martiño dun membro dos Froilaz-Traba do que teñamos constancia é o de Bermudo Froilaz, que elixe coma lugar de repouso eterno o mesmo lugar que o da súa muller Lupa Rodríguez, finada en 1071.

  Precisamente, será fillo dos anteriores o dito Froila Bermúdez. Este foi unha figura central durante os reinados de Fernando I, de García II de Galicia e de Afonso VI; mantendo a súa supremacía fronte as pretensións da mitra compostelá, malia a presenza de seu sobriño Gudesteo á fronte desta. Tal problema solucionouno en 1069, mandándoo asasinar mentres durmía. Pese a este último aspecto, certo é que Froila Bermúdez tamén posuíu unha faceta de leal e piadoso. Precisamente, atopámolo no mesmo ano de 1069 exercendo coma xuíz nun preito dado no mosteiro de Xubia:

`...domino nostro et iudex froyla ueremudiz...´

  E no ano 1086 agradecendo a San Martiño, a través das donacións de Domirón e de San Xiao de Mondego, a súa supervivencia á Batalla de Sacralinas, en Extremadura, fronte ós almorávides (1): 

`Ego seruus seruorum dei Froylani petriz veremudiz...´

    Poderíamos citar algúns acontecementos máis ligados á vida desta figura, pero seica é mellor centrarse de cara ós que teñen o seu eco na nosa contorna. Así, a seguinte noticia que temos en 1091 é a que nos informa da súa morte durante o transcurso dunha visita ó seu fillo Gonzalo, bispo de Mondoñedo (2), sendo trasladado o seu corpo cara a igrexa de Santa María de Xubia (ó lado do mosteiro) na compaña dos seus fillos Pedro e Rodrigo; sepultándoo o devandito fillo prelado e o abade Duñino:

`Obiit famulus dei froylani prolix ueremudiz Era i c xviiii quod fuit vi F ora i  hic in uilla conspectu in ripa mynei iii k mrc et adductus est in locum sancti martini per manus Gundisalbus episcopus [outro nome] episcopus et dunninus abba cum filiis suis dominus petrus et dominus Rudericus et alii multi bene nati et sepultus in eodem loco die dominica ora iii ante porta de ecclesie sancte marie in tumulo quod est in dextra parte et alium de sinistra pars ubi cum deo et cum sanctiis eiis per saecula requiescat in pace...´


  A terceira e derradeira personaxe á que nos referiremos é un fillo de Froila Bermúdez chamado Rodrigo Froilaz. Se cadra menos famoso que seu irmán Pedro Froilaz, mais non menos interesante, Rodrigo foi señor de Trasancos e almirante dos portos de Galicia, isto último tal e coma o constatamos por un escrito do Tombo de Caaveiro datado no 1102:

`... frater eius [do Conde de Galicia Don Pedro] rodericus froyle admirante...´


  Rodrigo está vinculado ademais ó documento onde constatamos por primeira vez o nome de San Xiao de Ferrol, o 30 de marzo de 1087; sendo nel o comprador de terras ó redor de Santa Mariña do Vilar que pertencían até daquela a Osorio Velázquez:

`Ego osorio ualasquiz (...) uobis domino Roderico froylat...´


  En 1093 volvémolo atopar nunha venta realizada por Bermudo Consúniz, onde lle cede Chanteiro e Cervás ó cambio da igrexa de Brión; que tería que ser devolta a Rodrigo trala súa morte:

`...uobis domino Ruderico prolix froyle...´


  Dende ese último ano ate 1107 atópamolo relacionado con dúas doazóns ó Mosteiro de Caaveiro en Carantoña e no arcediagado de Bezoucos. Pero moito máis destacada é unha grande doazón de 1114 na que outorga a San Martiño de Xubia diversos sitios en Santa María de Neda, San Xurxo de Meirás, Santiago de Franza etc… mesmo propiedades no mesmo couto do cenobio:

`Ego rudericus froile donno et offero deo et ecclesiae Sancti martini de iuuia...´


  Tras esta data aparece Rodrigo confirmando unha serie de documentos, onde cabe destacar a súa presencia na confirmación do couto da Igrexa de Santiago (1127) dende o Iso até o mar e dende o Ulla até o Tambre.




  Faleceu don Rodrigo antes do 1133, sendo soterrado en Xubia segundo nos di seu fillo Menendo Rodríguez nun testamento ó favor do mosteiro antes de partir cara Xerusalén coma cruzado:


`... patris mei ruderici qui in eodem monasterio sepultus est...´

  Coma curiosidade final dicir que doutro fillo de Rodrigo, Froila Rodríguez de Mandiá, descende a liña que toma seu nome deste topónimo; sendo un exemplo de coma os Froilaz-Traba están detrás, dun xeito ou doutro, da meirande parte dos clans nobiliares, non só do Reino de Galicia, senón mesmo do conxunto dos reinos peninsulares (3).


NOTAS:

1- Este documento é no que temos constatado a presenza de normandos no Golfo Ártabro. Véxase: Onde temos constancia da presencia vikinga preto de Ferrolterra?
2- Famoso polo pleito fronte o bispado santiagués polos arcediagados de Bezoucos, Trasancos, Seaia, Labacengos e Arrós.
3- Por poñer un exemplo fóra do marco galego, destacar que a súa liña de sangue proseguiría no Señorío de Molina.


BIBLIOGRAFÍA:

  • LÓPEZ SANGIL, J.L., `A nobreza altomedieval galega: A familia Froilaz-Traba´, Toxosoutos, Noia, 2005.
ENLACES WEB:

Comentarios