Proposta de creación dun monumento ao trasno no concello de Ares

Esbozo dun trasno feito por Rubén Labisbal (membro de Ferrolterra Antiga)

A nosa asociación cultural ten entre os seus obxectivos a conservación divulgación do noso patrimonio cultural e histórico na comarca de Ferrolterra.

O patrimonio oral constitúe a esencia do noso pobo, un legado que os nosos antergos nos deixaron en forma de relatos, lendas e folcklore.

Por iso, dentro do proceso de recuperación e posta en valor do mesmo, propoñemos dedicar un monumento ao Trasno no concello de Ares.

Se tedes a ben sumarvos á nosa proposta para enviar ao Concello de Ares (que podes consultar máis abaixo, ao final deste artigo), podedes sumarvos a esta iniciativa por correo (ferrolterraantiga@gmail.com) antes do 30 de setembro.

Xuntos podemos facer máis forza para recuperar un anaco máis do noso pasado.

Recibide un cordial saúdo da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga.


Proposta para a construción dun “Monumento ao Trasno” no Concello de Ares


No seguinte documento presentamos o proxecto para erixir un monumento á figura mitolóxica galega do Trasno, no Concello de Ares. A súa vez mostramos as razóns que motivan e xustifican tal proxecto.

Os monumentos forman parte esencial da nosa xeografía mental, sendo estes un dos piares referenciais sobre os que estruturamos o noso entendemento do espazo habitado. Se ben, os monumentos  poden ter unha dobre funcionalidade, como fitos no espazo, pero tamén como fitos temporais, mediante os cales conéctase o pasado có presente. Polo tanto, os monumentos fan parte do discurso histórico do que se dotan as sociedades, e, ademais, son  elementos claves a hora da reprodución de valores. Por todo isto é importante que as administracións públicas atendan a estes bens, proxectando unha xestión crítica e responsábel.

Nos últimos anos o Concello de Ares ten demostrado unha fonda preocupación polo mantemento e transmisión da memoria colectiva local. Neste sentido se teñen promovido a construción dunha serie de esculturas públicas. Tal é o caso dos  monumentos ás vítimas do Holocausto, ou ás persoas que participaron na fuxida do Bou Ramón, os cales rememoran e salvagardan a memoria dun lutuoso tempo. Polo tanto, e acorde coa obrigación para coa preservación da memoria colectiva, presentamos ao Concello de Ares unha proposta para a creación dun monumento dedicado ao Trasno e as súas lendas.

O Trasno:


Segundo recolle a páxina de Galicia Encantada “O trasno ou trasgo é unha especie de demo invisible, coñecido tamén como diaño pero distinto ao demo, e nunca tan maligno. Acostuma a andar de noite polos bosques e camiños de Galiza que é cando pon en práctica as trasnadas argalladas polo día”

Este ser fantástico é unha das figuras icónicas da mitoloxía galega, sendo numerosas ao longo da xeografía galega os testemuños da súas falcatruadas.  Este é o caso do Concello de Ares, onde ten chegado ata os nosos días algúns relatos do trasno. Tal e como o documentou Carneiro Rey (Carneiro Rey, 2007) os veciños da zona relataban que:

“Preto do castro, baixando cara á costa había unha cova onde vivía un trasno e o que se acercaba á cova afogaba”

“A xente que pasaba por riba da cova e escoitaba ruído, se miraba para atrás, saía o trasno e pechábaa dentro”

“O trasno podía converterse en galo, burro ou cabalo. Cando o trasno se convertía en galo avisaba das invasións viquingas”.

“O trasno non estaba nunha cova, senón que era unha rocha de forma estraña que se convertía no trasno”

A súa vez, no foro do blog “Ver pueblos” un usuario indica que: “en Ares, se le atribuye la cueva (a cova do Trasno) en el lugar que que hace esquina en la playa del juncal, con la prolongación que desde las rocas bajas se dirigen en línea recta hacia la playa de Seselle, el derrumbe la hizo desaparecer  No me atrevo a hacer mención a aquella leyenda que oí de niño y somatizada por el pensamiento mágico de alguna gente Pensamiento respetable que ovedece a una verdad, combatir los miedos con el arma de la imaginación”

Vemos pois como na tradición local de Ares o trasno aparece rícamente representado nunha serie de relatos, onde se observa un dos seus atributos característico, a transmutación. Nestes relatos, as veces contraditorios, mestúranse elementos cultos, como a referencia ás invasións viquingas, có propio folclore. Estes dous aspectos foron un resultado dunha tradición oral viva.

Polo tanto, existe unha rica tradición oral que xustifica a construción dun monumento ao Trasno en Ares.

Obxectivos:


Ata agora só temos presentado os aspectos e recursos sobre os que se fundamenta a proposta, vexamos pois en que maneira podería resultar beneficioso o levantamento deste monumento.

Tal e como dicíamos, a nosa proposta susténtase sobre unha rica tradición oral, sobre as lendas transmitidas de xeración en xeración polas aresás e aresanos. Este legado dos nosos devanceiros merece e debe ser conservado, estimulando a súa transmisión ás seguintes xeracións. A este respecto, o monumento que propoñemos garantiría a conservación deste patrimonio inmaterial. Se ben dito monumento seviría como ferramenta de divulgación da figura do trasno e as suas lendas, a súa vez axudaría a espertar o interese pola mitoloxía galega. Así pois, o monumento, baixo a semellanza do trasno, resultaría nunha homenaxe ao rico imaxinario galego.

Tal e como víamos na definición achegada polo dicionario de Galicia Encantada, o trasno é un ser que en moitas ocasións aparece relacionado coa natureza. En base a tal faceta, coa construción do monumento mandaríase un inequívoco mensaxe de respecto cara a esta. Nas sociedades modernas a degradación do medio ambiente tense convertido nun dos principais desafíos, polo que, a recuperación destes seres, que habitan os espazos naturais de Galicia, pode axudar a xerar unha conciencia medioambiental e de respecto pola natureza, especialmente entre os nenos e nenas de menos idade. Así pois, o dotar a natureza dun sentido máxico e misterioso pode axudar a espertar entre os máis mozos un amor e interese cara o mundo que lles rodea máis aló dos espazos humanizado e urbanizados, de tal xeito que as agarimosas lembranzas dos contos infantís xermolen na adultez en forma de respecto e compromiso có medio natural.

Coa proxección deste monumento deséxase axudar a crear unha contorna atractiva, que estimule a imaxinación e creatividade dende a infancia. Consideramos unha responsabilidade para  coas seguintes xeracións o promover un espazo habitado que resulte suxestivo e inspirador, e neste senso  incentivar os seus vindeiros logros persoais.  Por tanto, espérase que o monumento sexa un punto referencial, o redor do  cal se agrome a iniciativa creadora e socializante dos veciños de Ares. Neste senso, coa colaboración do asociacionismo local, poderían desenvolverse unha serie de actividades (representación teatrais, contacontos) e premios á creatividade das mozas e mozos (concurso de debuxo, concurso de relato breve de terror ou fantástico). Tales actividades poderían elaborarse en datas suxestivas,  coma San Xoán ou Samaín/Defuntos. Así pois, nestas sinaladas datas a oferta cultural ampliaríase.

Coa reivindicación desta personaxe mitolóxica o Concello de Ares dotaríase dun icona propio, tal e como xa teñen feito diferentes colectivos e negocios locais. Se ben, as iniciativas veciñais e privadas poderían usar e beneficiarse da explotación deste icona, o cal de por si é positivo, o obxectivo último é a promoción do sentimento identitario entre a veciñanza e reforzar a cohesión social. Estes aspectos, presentes no exercicio cotiá da xestión municipal, adquiren unha maior relevancia en contextos territoriais onde dáse un turismo masificado, e onde, por tanto, pode xerarse impactos negativos a este respecto.

Descrición do proxecto:


Trala previa xustificación do proxecto procedemos agora a presentar un esbozo do monumento, tal e como o concibimos, se ben, a materialización final do mesmo xurdirá do diálogo entre os diferentes axentes que participen na execución.  O que propoñemos agora son  uns mínimos apuntamentos para ilustrar e orientar o  proxecto.

A escultura:
Esta debe basearse na concepción clásica, transmitida polo folclore oral, do  trasno.  Por tanto, debe ser unha figura pequena, duns 70 cm. aproximadamente, e presentar  as características propias destes seres.  Se ben, consideramos que se debe evitar  as representacións xenéricas que o asemellen a duendes ou gnomos. A súa vez, non consideramos apropiada unha representación conceptual, xa que debe ser facilmente interpretable polo público máis moza. Se  ben, coma alusión a súa capacidade de transmutación, propoñemos que a figura presente algún elemento propio dos animais nos que podía presentarse. Por exemplo, unha ferradura en referencia ao cabalo, ou  plumas coma un galo.  Como outra referencia a lenda, propoñemos a execución do monumento na mesma pedra do lugar da Cova do Trasno, recollendo así a versión  de que o trasno era unha pedra que cobraba vida. No obstante isto último dependerá da calidade do material.

A localización:
Dada a priorización da accesibilidade ao monumento, propoñemos renunciar a localización orixinal e localizar o monumento no pinar de Ares. Consideramos que esta localización, aparte da mellor accesibilidade, ofrece un escenario apropiado para esta escultura. Así pois, o trasno   podería presentarse nun diálogo coa contorna, asexando entre as árbores.

O orzamento:
Considerando as limitacións de recursos municipais, cremos que, polas modestas dimensións do proxecto, este adáptase ás posibilidades económicas do Concello. Se ben, podería explorarse a financión íntegra ou parcial mediante subscrición popular, motivando  desta maneira a implicación veciñal.

Conclusión:


Por todo o exposto ata agora, propoñemos e convidamos aos veciños e ao Concello de Ares a materializar este monumento en lembranza do imaxinario e cultura galega, coma un agasallo á infancia aresá de agora e vindeira, pero tamén á pretérita, pois a infancia  é un tempo común a todos, e os contos e relatos un mecanismo de comunicación interxeracional.


Ferrol, a Luns 3 de setembro de 2018

Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

Comentarios