Cousiñas de Ferrol no tempo da Gran Guerra

  Fai pouco que pasamos polo cabodano da fin da Primeira Guerra Mundial ou Gran Guerra, acontecida có alto o fogo do 11 de novembro de 1918. Malia que o Reino de España non entrara no conflito, e, consecuentemente, a nosa cidade departamental non estivera na primeira liña das hostilidades, si que podemos dicir que a conflagración tivo o seu eco reflictido nunha serie de acontecementos que se fían ó longo dos anos comprendidos entre 1914 e 1918.


  Antes de ir cara o que atinxe á nosa contorna cabe facer unha breve descrición acerca do xeito no que se atopaba o conxunto do Estado ante os feitos acaecidos durante estes catro anos.

  En primeiro lugar, lembremos que o Reino de España saído da restauración monárquica de 1874, plasmada na constitución de 1876, atopábase nun momento de convulsión e consecuente debilidade como resultado da Guerra Hispano-Estadounidense de 1898 e dos breves e inestábeis gobernos que se sucedían có beneplácito da monarquía. Debido a isto, á altura de agosto de 1914, o Reino de España víase na necesidade de se manter na más estricta neutralidad, extendendo esta obriga ós súbditos españoles que haberían de permanecer na más perfecta neutralidad (1).

Imaxe de `El Imparcial´. Sacada de: Wikipedia

  Malia o intento de deixar ó país fóra da guerra, non se puido evitar que a guerra se filtrase a través das fronteiras. Referímonos, por exemplo, ós cambios que operarían na economía e que, coma resultado, desestruturarían e axitarían o tecido social existente (2). En efecto, xa en 1914, rexións industrializadas coma Cataluña e País Vasco sufriran un primeiro, mais breve golpe, ante a retirada de capitais estranxeiros; precisos agora no conflito. Esta retirada de capitais permitiu á burguesía facerse cun tecido empresarial que contribuíu ó seu enriquecemento á sombra do conflito, pese a unhas deficiencias industriais moi acusadas, deixadas en segundo plano ante unha economía que primaba a exportación de materias primas e produtos de escasa elaboración de cara á subministración, fundamentalmente de Inglaterra, Francia e Italia. Coma consecuencia desta economía de abastecemento cara os países aliados, foi a agricultura a que se desenvolveu en grande medida de cara ó comercio exterior, se ben isto có custo que supuxo a inflación de produtos de primeira necesidade no interior. Esta última situación xeraría un grande número de protestas sociais dende 1916; síntomas dun grande crecemento da polaridade entre as rendas máis altas e as máis baixas.

Imaxe de `El Imparcial´. Sacada de: Medicina, historia y sociedad

   Outro fenómeno sería o da difusión das proclamas aliadófilas ou xermanófilas, moi vinculadas á financiación e á espionaxe das potencias estranxeiras coa fin de decantar á poboación cara un dos contendentes. "Grosso modo", podemos dicir que estas preferencias por cada un dos bandos capitaneábanse, dende o lado dos aliados, polos socialistas e republicanos, e dende o lado dos alemáns, pola aristocracia, a Igrexa e o Exército (3).

Imaxe de `España´. Sacado de: Biblioteca Nacional de España

  Malia a posición neutral do Estado, a guerra afectou de xeito directo nos océanos dende un comezo ó utilizaren os contendentes as costas españolas de cara ós seus obxectivos. Se ben, foi ante o anuncio da guerra submariña indiscriminada por parte de Alemaña en 1917 cando os mesmos buques de bandeira española comezáronse a converter en brancos nesta fronte de guerra no mar; o que non levou ó reino de cara á conflagración, non só pola consciencia da súa debilidade, senón tamén polo labor dos servizos de espionaxe alemáns que sostían as redes de opinión xermanófilas e intencionadamente neutralistas (4).

Imaxe que amosa os navíos de bandeira española afundidos polos alemáns até o 20 de maio de 1918. Arxiu Històric Municipal Elx. Sign. Colección de P. Ibarra Tesoro Histórico b 344 nº 136

  En conclusión, rematada a contenda, España quedaba nunha situación social  convulsa manifesta ante o pulo dos movementos sindicais e nacionalistas (5) desexosos de romperen có sistema. Isto se puido xa percibir durante o mes de novembro de 1918, coas celebracións pola fin do conflito nas grandes cidades; nas que se produciron actos públicos de exaltación ó favor da República e da autonomía das nacións do Estado, ademais de reclamacións fronte ó persistente desabastecemento produto da devandita economía desenvolta nos anos da Gran Guerra.

Noticia en `El siglo futuro´acerca da Asamblea Nacionalista de Lugo o 19 de novembro de 1918. Sacado de: Biblioteca Nacional de España 

  Tras esta visión xeral, toca agora entretecer o sinalado para ver de que xeito se cingue cós feitos que se deron no entorno da cidade de Ferrol neses anos.

  O Ferrol de comezos do s. XX vivía nunha conxuntura de signo positivo, dada a súa especialización no naval, coma resultado da Lei do 7 de xaneiro de 1908, referida á reforma dos servizos dunha mariña reducida trala Guerra do 98. Isto posibilitou que se adxudicasen as labores de posta a punto dos arsenais de Ferrol e Cartaxena á denominada Sociedade Española de Construcións Navais (un grupo mixto con participación da, por exemplo, británica Vickers). Deste xeito, comezaba un ciclo de puxanza reflictido no crecemento poboacional que volve situar a cidade nunhas cifras que non se vían dende a fase expansiva do s. XVIII (6).
  O primeiro que representou o estoupido da guerra no 1914 foi a dilatación no tempo da construción dos tres acoirazados da `Clase España´, depende do subministro de pezas de armamento inglesas. Esta situación explica porque a entrega á Real Armada non se completou até 1921, có buque Jaime I (7).

O Jaime I en construción ca. 1912. Sacado de: Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.

  Outro dos acontecementos dados neste tempo na nosa cidade foi o Congreso da Paz, organizado en febreiro de 1915, e promovido fundamentalmente polo anarquismo; se ben orientado cara tódalas tendencias obreiristas internacionalistas. Neste se salientou a máxima do anarcosindicalismo ante o conflito: `A revolución antes que a guerra´. Esta indicaba un rexeitamento equitativo ante as potencias imperialistas, foran estas parte dos Aliados ou dos Imperios Centrais; coa fin de deter a escala bélica. Malia a vontade reflictida en dito acto, a presión das autoridades, que prohibiron a reunión o 27 de abril, deixou este episodio máis ben coma un reforzo de cara á Confederación Nacional do Traballo e o seu mellor artellamento xunto as organizacións sindicalistas lusas (8). Pese a isto, chama a atención coma algún autor ten subliñado este congreso xunto ó de Zimmerwald, celebrado en setembro do mesmo ano (9).

Noticia acerca da chegada dos organizadores da CNT barcelonesa a Ferrol. El Congreso de la Paz, El Correo Gallego, martes 20 de abril de 191, p.1. Sacado de Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. 

  Coma se sinalou antes, un problema moi grande que se deu no conxunto do Estado durante estes anos foi o do desabastecemento debido á suba dos prezos por mor da exportación; o que deu lugar a un grande número de protestas fronte as carestías dos bens de primeira necesidade. Na comarca de Ferrol temos un deses episodios á altura de marzo de 1918, que paga a pena mencionar de xeito pormenorizado (10).

  Todo comezara o día 6 en Xuvia, cando varios comerciantes, que acordaran comprar o trigo chegado de Valdoviño a un mesmo prezo, provocaron a suba instantánea deste ben xa de por si moi sobrevalorado. Isto provocou xa no momento un choque có groso da xente que tentou arrebatarlles o gran adquirido de xeito tan ruín. O suceso foi amainado polos rexedores de Narón e Neda, que se reuniron dito día có de Ferrol có obxectivo de atopar unha solución ás carestías por medio do Gobernador Civil da Coruña.
  Mais o día 9, estando estes xa reunidos có gobernador, deuse unha grande protesta nos arredores de Xuvia e Neda, có protagonismo das mulleres ás que mesmo se uniron os operarios da fábrica de tecidos alí situada. Este grupo tentou falar có alcalde, pero, ante a súa ausencia, a frustración colectiva levou a apedrar varios comercios. Malia os intentos de frear o suceso por parte dos carabineiros, esta acción saldouse con dúas mulleres feridas a mans dalgúns dos comerciantes que non dubidaron en botar man dos revólveres. Mentres isto acontecía, comisións de mulleres tomaron posición na ponte de Xuvia e na estación de ferrocarril de Neda coa fin de cortaren a saída de produtos de primeira necesidadde fóra do municipio.
  O día seguinte, dúas comisións de obreiros e mulleres viaxaron á Coruña a departir có gobernador. Na mesma xornada, únense á protesta a meirande parte das parroquias da contorna inmediata da cidade departamental, bloqueando as estradas de Castela, Caranza, Malata e Covas (a maiores do dado no peirao); negándolle ó mercado ferrolá os comestibles tan sobrevalorados. Os comercios víanse na obriga de pecharen. No Concello, o alcalde atendía a dúas comisións de mulleres ás que prometeu xestionar da forma máis axeitada as carestías. Tamén, xa no mesmo día, circulaba a noticia dun paro xeral en apoio da loita.
  O día 11 foi unha xornada marcada pola violencia ante a irrupción dun grande xentío na entrada dos comercios; o que se saldou con moitas mercadorías ciscadas pola rúa cando non substraídas polos manifestantes. As forzas de seguridade interviron nestes tumultos abrindo fogo fronte os asaltantes dos locais; ferindo ou asasinando a varias persoas. A situación chegara a tal punto que varios corpos das forzas armadas apostábanse en diversos puntos da cidade para manteren a orde.
  De feito, para o día 12, temos constancia da vixilancia que facían a Garda Civil xunto á infantería ó longo do traxecto que comprendía dende a estación de ferrocarril de Neda até a ponte de Xuvia. Ó mesmo tempo, a situación na cidade de Ferrol proseguía có cerco das mulleres dende as estradas e cós comercios pechados; a maiores do paro xeral que se recruara ante a noticia dos mortos da xornada anterior. A maiores, dito día, na rúa Canalejas se descargaba a ira das mulleres fronte un panadeiro ó que acusaban de acaparador, o que levou a actuar á Infantería e á Artillaría coa fin de disolver ó grupo. Fóra do ámbito urbano, en San Xoán de Filgueira, apédrase tamén outra panadería. En Fene, a presión doutro grupo de mulleres acada que o alcalde mande unha misiva ó Gobernador Civil coa esixencia da baixada dos prezos de produtos de consumo e industriais. Entrementres, na estación de Maniños, outra agrupación feminina tenta asaltar varios trens sen éxito pola actuación do persoal do ferrocarril e algúns soldados; o que leva sinxelamente a apedralos.
  Durante a xornada do día 13 se proseguiu có paro xeral e o bloqueo das mulleres á cidade de Ferrol; nesta, os comerciantes queixábanse, denunciando que se rebaixaban os prezos dos artigos que se lles esixían veríanse na obriga de pecharen. Ademais, formouse un xentío ante o Concello, que ocupou todo o Cantón de Molíns, a xeito de escolta dos seus representantes que foran falar có alcalde. Estes demandaron unha reunión conxunta das asociacións da patroal e do traballo para solventar de unha vez por todas o conflito.  Volvendo cara á estación de Neda, prodúcese neste mesmo día un asalto por parte de 500 mulleres ó ferrocarril, chegándose a facer cós cargamentos non só dos vagóns, senón mesmo dos almacéns da mesma estación, cheos de produtos alimenticios de primeira necesidade. Malia o éxito, non se repetirá esta fazaña ante a intervención da Garda Civil. En Sedes, dado o ataque da multitude reunida na Feira do Trece á casa do alcalde e máis á dun industrial, dase un choque coa Garda Civil que deixa varios mortos e feridos. Este panorama, marcado polas alteracións continuas da orde pública, levaba o mesmo día a unha visita das principais asociacións de comerciantes e grandes propietarios ó Gobernador Militar coa fin de que este rematara coa revolta a través do uso da forza; rexeitándoa o mesmo pola existencia de posibilidades de solución a través do civil.
  Durante o día 14, acordada unha baixa dos prezos e disoltas consecuentemente as manifestacións, os comercios de Ferrol permaneceron pechados malia a chamada das mulleres para que abrisen. O paro xeral proseguiu na cidade, partindo a maiores unha comitiva cara a Feira do Trece cunha coroa de flores na que se podía ler: Los obreros del Arsenal de Ferrol a las víctimas de Sedes. Ó chegaren ó seu destino se deu un mitin por parte de recoñecidas personalidades do movemento obreiro da comarca. En Neda se volveron dar asaltos ó ferrocarril. Informouse tamén o 14 de marzo da fin das revoltas en Xuvia, alcanzada a baixada dos prezos.
  Para o 15 xa se comezaran a calmar as cousas, polo menos no referido a Ferrol e Xuvia, dado que, en Maniños, proseguíase cós asaltos ó ferrocarril, chegándose a temer pola continuidade do conflito durante os próximos días.
  En efecto, o día seguinte proseguen os asaltos das mulleres en Maniños, se ben, sen éxito ante a presión da Garda Civil. Será este un dos estertores da Revolta de marzo de 1918, pois en Ferrol, coa cidade xa en calma, comezábanse a dar a consecuente investigación xudicial e o encarceamento e interrogatorio das mulleres partícipes nos feitos acontecidos dende o día 11.
  Pese ó último, non será até o día 18 que se desmobilizan tódalas tropas apostadas ó longo da comarca.

  Coma conclusión a este conflito, podemos dicir que se a Revolta de marzo de 1918 non chegou máis lonxe foi pola mesma natureza desta como crise producida polas subsistencias. Unha vez acordadas as baixas dos prezos, as xentes que engrosaban a protesta voltaron á súa vida cotiá deixando tan só algúns grupos que, coma vimos, non puideron levar máis aló as súas demandas (11).

Noticia de `El Pais´ facéndose eco do acontecido en Ferrol e en Sedes o 15 de marzo de 1918. Sacado de: Biblioteca Nacional de España

  Un episodio chamativo acontecería pouco despois deste conflito, un que falaba da proximidade da guerra pola fronte atlántica.

  O día 23 de marzo avistouse dende o Segaño un submariño que se dirixía cara a ría. Unha vez dentro dela, a tripulación enarborou unha bandeira de auxilio, achegándose á entrada do arsenal escoltada por dous buques de vapor. Unha vez se esclareceron as cousas resultou que o submariño era o UC48 ó mando Helmut Lorenz con 31 mariñeiros. Facía dez días que navegaban cunha avería na proa e na maquinaria. Coma primeira medida ante o suceso, procedeuse a avisar ó cónsul xermano de A Coruña, a parlamentar có capitán e a desarmar a hélice e a deixar o submariño en dique seco; todo conforme ás medidas que o goberno español tomara con respecto á actividade dos U-Boot ante as queixas das nacións aliadas e o perigo que supuñan para os seus mesmos navíos. A entrada deste submariño no arsenal supuxo unha inesperada atracción para as xentes de Ferrol que se axuntaban a velo dende Herrera. O UC48 quedaría internado até o final do conflito (12).

O UC-48 no Arsenal de Ferrol. Sacado de: GARCÍA SANZ, F., España en la Gran Guerra: Espías, diplomáticos y traficantes, Galaxia-Gutemberg, Barcelona, 2014.

  O último punto a tratar, vistos os efectos sociais da "economía de guerra" na nosa cidade e na súa contorna, é de que xeito se viviu a fin da guerra mundial fai exactamente cen anos. Esta aparece reflectida coma un momento de grande xúbilo e celebración (13).

 O 17 de novembro de 1918, a seis días do alto ó fogo en toda Europa, organizouse unha grande manifestación aliadófila fronte ó concello. Os participantes eran, en primeiro lugar, a colonia inglesa cós seus pabellóns, dirixida por Mr. Spiers (director da zona industrial do Arsenal ferrolá). Seguíanlle a esta a portuguesa coas súas correspondentes bandeiras. Tras os lusos, unha de aliados con el pabellón de Francia. Tamén participaron agrupacións locais coma `La Gratitud al Marqués de Amboage´, a `Liga Regionalista´, `Airiños d´a miña terra´, a `Unión Mercantil´, o grupo republicano ferrolá, o grupo liberal, o `Círculo de Artesanos´, a `Cámara de la Propiedad´, a `Liga popular ferrolana´ e o `Toxos e Froles´; pechando comitiva a corporación municipal e unha banda de música.
  Estimouse que a asistencia fora dun total de dúas mil persoas, amosándose as fachadas dos edificios engalanadas para a ocasión. Os manifestantes percorreron as rúas visitando sucesivamente os consulados de Francia, Inglaterra, Bélxica, Portugal e Italia. Ante estes, procedéronse a tocar os correspondentes himnos nacionais, dándose vivas ás nacións aliadas. No francés botáronse dende as ventás unha chea de flores cara os manifestantes. Os súbditos belgas entregaron ó representante do seu consulado unha coroa floral. O vicecónsul de Italia, Nicasio Pérez Moreno (un dos grandes expoñentes da burguesía da cidade), obsequiou cun almorzo espléndido ós representantes dos países aliados e á corporación municipal; no que realizou un brindis e pronunciou un discurso polos vencedores e por España. Outros representantes mandaron os seus correspondentes telegramas dende os consulados. A colonia inglesa, a maiores, deu unha festa íntima na escola que sostía na cidade, con bandeiras de tódalas nacións aliadas a maiores da española (14). Os nenos que participaron en dito lunch entoaron os himnos de tódolos países da `Entente´.
  Por se fora pouco, o mércores 20 dita colonia inglesa celebraba unha comida no Hotel Suízo polo mesmo motivo da vitoria, de novo coas bandeiras e cós brindis coma protagonistas; rematando cun gran baile na escola.

Noticia da manifestación aliadófila en `El Correo Gallego´ o 17 de novembro de 1918. Sacado de: Galiciana: Biblioteca Dixital de Galicia 

  Deste xeito, quedan subliñados certos sucesos dados na nosa cidade e no seu entorno entre 1914 e 1918; que se pode dicir a modo de conclusión? Pois que o que vemos ó longo destes anos é a dinámica dunha poboación emerxente tras unha das moitas crises do naval; cunha importante colonia inglesa asociada ós estaleiros que marca en grande medida a vida nesta. Este período de renovado auxe industrial foi propicio para a consolidación das sociedades obreiras, que mesmo, á sombra do conflito, moveron unha serie de propostas coa fin de remataren cunha guerra motivada polo imperialismo. Unha guerra que ademais, pese a non se dar na contorna, supuxo unha restricción moi dura das condicións de vida ante o comercio de cara ós contendentes e á especulación; o que levou cara outro tipo de conflito, máis localizado e de corte social. Entrementres, o papel de porto situado no Atlántico deulle a Ferrol (do mesmo xeito que a outras cidades e vilas galegas) unha certa notoriedade de cara á guerra no mar; un papel que se repetiría, se ben noutro contexto, vinte anos despois. Pese a esta consideración xermana, e dado o asentamento eminentemente anglosaxón, con numerosos grupos de índole republicana, nacionalista e obreirista, podemos supor que Ferrol constituía un enclave cunha poderosa presencia aliadófila ou ben sinxelamente antibelicista. E é que a guerra supuxera unha conmoción que deixaría a súa pegada ó longo do violento período que se aveciñaba.

  NOTAS:
  1- Ministerio de Estado: Sección de política, La Gaceta de Madrid, 7 de agosto de 1914, p. 219. 
  2- Véxase: COMÍN, F., HERNÁNDEZ, M. y LLOPIS, E. (eds.), Historia económica de España: siglos X-XX, Crítica, Barcelona, 2002.
  3- Habería que matizar algúns perfís ideolóxicos, mais isto non é o obxecto do artigo; para aqueles que desexen ver un pouco máis, remitímosvos a:  NAVARRA ORDOÑO, A., 1914: Aliadófilos y germanófilos en la cultura española, Cátedra, Madrid,  2014.
  4- Véxase: FUENTES CODERA, M., España en la Primera Guerra Mundial: Una movilización cultural, Akal, Madrid, 2014 e GARCÍA SANZ, F., España en la Gran Guerra: Espías, diplomáticos y traficantes, Galaxia-Gutenberg, Barcelona,  2014.
  5- Lembremos a efeméride da Asemblea Nacionalista de Lugo (17-18 de novembro). O final da Gran Guerra, coa aparición de novos Estados nación (Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia ...), supuxo un fito para os movementos galeguista, catalanista e vasquista.
  6- É deste Ferrol de comezos do s. XX de onde proceden verbas tan chamativas coma `filispín´, `brus´ ou `chepa´; produtos da convivencia cunha colonia británica de entidade. Véxase: FERRÁNDEZ RIVERA, G., El "ferrolano". Un estudio del habla local, Edicións Embora, Ferrol, 2002.
  7-Non só os buques dilataron a súa construción, a guerra tamén estivo detrás de que, por exemplo, o famoso teatro, despois cine, `Renacimiento´; para o que non se conseguían unhas cubertas de ferro axeitadas dado o uso deste material na conflagración. Véxase: Urban Idade: Memorias de las redes urbanas
  8- Véxanse as obras GARNER, J., Goals and means: Anarchism, syndicalism and internationalism in the origins of the Federación Anarquista Ibérica, AK Press, 2016 e HEYWOOD, P., Marxism and the failure of organised socialism in Spain, 1879-1936, Cambridge University Press, 2003.
  9- En concreto, Whayne Thorpe publicou un artigo titulado El Ferrol, Rio de Janeiro, Zimmerwald, and beyond: Syndicalist Internationalism, 1914-1918. Dito artigo atópase dispoñible en Persée.
  10- A información deste apartado recóllese a partires da hemeroteca de `El Correo Gallego´ dispoñible en Galiciana: Biblioteca Dixital de GaliciaEl problema de las subsistencias. Graves conflictos, El Correo Gallego, 12 de marzo de 1918, p.1., Las subsistencias, El Correo Gallego, 9 de marzo de 1918, p. 1, Las subsistencias, El Correo Gallego, 10 de marzo de 1918, p. 1, En Ferrol. Graves Sucesos. Un muerto y varios heridos, El Correo Gallego, 12 de marzo de 1918, p.1., El problema de las subsistencias. Continúa la agitación. El día de ayer, El Correo Gallego, 13 de marzo de 1918, p.1., El problema de las subsistencias. Continúa la agitación. El día de ayer, El Correo Gallego, 14 de marzo de 1918, p.1., En Narón. Sangrientos desórdenes. Muertos y heridos, El Correo Gallego, 14 de marzo de 1918, p.1., El problema de las subsistencias. Continúa la agitación. El día de ayer, El Correo Gallego, 15 de marzo de 1918, p.1., El problema de las subsistencias. El día de ayer, El Correo Gallego, 16 de marzo de 1918, p.1., El problema de las subsistencias. El día de ayer, El Correo Gallego, 17 de marzo de 1918, p.1. e El problema de las subsistencias. El domingo. El día de ayer, El Correo Gallego, 19 de marzo de 1918, p.1
 11- Destacar o papel do xénero feminino nesta clase de revoltas e, en concreto, nesta da comarca; pois ó longo da hemeroteca pódese ver coma as comisións formadas por mulleres foron o eixo central da Revolta de marzo de 1918, amosando unha organización e solidariedade excepcionais. Ibíd.
  12- Un submarino alemán, El Correo Gallego, 24 de marzo de 1918, p.1. e GARCÍA SANZ, F., España.. Op. Cit..
  13- Celebrando la paz. La manifestación del Domingo, El Correo Gallego, 19 de novembro de 1918, pp.1-2, La colonia inglesa en Ferrol. Actos de confraternidad, El Correo Gallego, 21 de novembro de 1918, p.1 e En Ferrol, La Voz de Galicia, 19 de novembro de 1918, p. 2.
  14- Enseña que non se vira durante a manifestación popular. Celebrando la paz... Op. Cit. 

  BIBLIOGRAFÍA:

  COMÍN, F., HERNÁNDEZ, M. y LLOPIS, E. (eds.), Historia económica de España: siglos X-XX, Crítica, Barcelona, 2002.

  GARCÍA SANZ, F., España en la Gran Guerra: Espías, diplomáticos y traficantes, Galaxia-Gutenberg, Barcelona,  2014.

  GARNER, J., Goals and means: Anarchism, syndicalism and internationalism in the origins of the Federación Anarquista Ibérica, AK Press, 2016.

  FUENTES CODERA, M., España en la Primera Guerra Mundial: Una movilización cultural, Akal, Madrid, 2014.

  HEYWOOD, P., Marxism and the failure of organised socialism in Spain, 1879-1936, Cambridge University Press, 2003.

  De apoio:

  FERRÁNDEZ RIVERA, G., El "ferrolano". Un estudio del habla local, Edicións Embora, Ferrol, 2002.

  HEMEROTECA:

  Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia
  
  ENLACES DE INTERESE:

  La Sociedad Española de Construcción Naval
  
  

Comentarios