Tempo de Migallos



O termo do período  estival  e o comezo do período invernal é un momento sinalado no calendario do mundo agrícola. É o momento de recoller o colleitado, os días son máis curtos e a climatoloxía máis rigorosa. Nesta época do ano, un día  destaca, especialmente, polas significacións e connotacións nel contidos. É o día no que os galegos lembran aos seus mortos e visítanos, ou, nalgúns casos, son os propios defuntos os que visitan a súa antiga casa e aos familiares que nela habitan. Crenza e tradición fan desta data un momento especial, plasmándose esta especificidade nuns ritos e costumes propias deste día.  Unha vertente desta especificidade dase na gastronomía, así poís, aos cocidos, castañas e outros alimentos propios desta época únese outros produtos exclusivos desta data. Algún deles, como os "Buñuelos de Viento" e "Huesos de Santos" introducíronse con bastante éxito, de maneira que hoxe en día monopolizan os escaparates das nosas pastelarías.  No caso de Ferrol atopamos estes doces presentes, polo menos, dende o último terzo do século XIX

                                                   Anuncio en "El Correo Gallego" do día 20 de outubro de 1878
 

Se ben, menos coñecida resultará, na actualidade, a tradición dos migallos ou migallo. Perante a procura na  hemeroteca temos podido constatar a súa presencia e vixencia na nosa comarca dende finais do século XIX.

No seu dicionario a RAG recolle a acepción de migallo como "Bolo, noces ou castañas que se dan nalgúns sitios o día de defuntos ou de todos os santos" ademáis de apuntarse a costume de pedilo polas casas.  O dicionario da Xunta de Galicia ofrece unha definición semellante á recollida polo dicionario da RAG, se ben implementase a idea de "agasallo" ou "óbalo" que se facía no día "dos defuntos" ou no "Día de Todos os Santos"  No obstante, tal e como despréndese da información extraída da hemeroteca,  a concreción do costume dos migallos é, como veremos, algo máis complexa.
  
Seguindo unha orde cronolóxica, a primeira  referencia xornalística da que dispoñemos aparece nun artigo de "El Correo Gallego"do ano 1880.  Neste texto relátase un incidente acontecido a un mariñeiro no porto de Ferrol. Segundo narra o cronista, o mariñeiro estivo a piques de morrer afogado tras caer á auga  no "Día de todos los Santos". O interesante deste suceso é a mención que se fai aos  migallos, coa intención de facerlle ver ao lector o estado de embriaguez no que  se atopaba o malfadado mariñeiro. Con certa retranca o narrador sinala que o mariñeiro "habia mojado demasiado los migallos de todos los santos" Por tanto, da lectura deste primeiro testemuño extraemos que. Os migallos eran algún tipo de alimento que tomábase o primeiro de novembro. Isto concorda coa definición acadada polos dicionarios  da Xunta e da  RAG. De maneira semellante  no "Diccionario Gallego"publicado por Juan Cuveiro Piñol no ano 1876 sinálase que na Coruña os migallos son: unha "fineza de castañas y fruta que se envían unos á otros el dia de Todos Santos" e  equiváleo ao  magosto. A súa vez, no ano 1884, Marcial Valladares Núñez no seu "Diccionario Gallego-Castellano" indica que:  O migallo consiste nun "bollo que de limosna se da en algunas localidades el dia de difuntos. En otras, fineza de nueces y castañas que suelen hacerse el dia de Todos Santos"


                                Extracto do xornal El Correo Gallego, da edición do día 3 de novembro de 1880


A nosa seguinte mención aparece en "El Diario de Pontevedra", no ano 1908. Sen ben, agora a tradición dos migallos semella pasar de facerse polo Día de Defuntos ou de todolos Santos a realizarse polo Nadal. Nesta composición, intitulada  "Una Noche-Buena abordo" homenaxéase as xentes do mar, quen por gañar o sustento teñen que deixar todo atrás. Precisamente de todo aquilo que se deixou alén do mar, das lembrazas que asaltan aos mariñeiros nesta diáspora, fálanos este texto, mencionandose aquí os migallos. Nesta versión é a rapazada do pobo quenes, facendo grande ruído coas súas cacerolas e zambobas, van pedindo polas casas os migallos, que neste caso paracen consistir en figos secos.
Non é este o único exemplo no que os migallos aparecen nunha data que non son o día de Defuntos ou de Todo os Santos. Nas actas das III Xornadas de literatura de tradición oral, editada no 2005 pola Asociación de Escritores en Língua Galega, recóllese o seguinte testemuño: "Na Pontenova teñen
por costume, non sei se o Xoves se o Venres Santo, ... tiñan... ir polas casas e recoller o que alí chaman os migallos. Son uns pans pequeniños que se fan a propósito"
 
                                  Extracto do xornal "El Diario de Pontevedra" da edición do día 24 de decembro de 1908
 No número do día 20 de marzo do ano 1927, no xornal "El Pueblo Gallego", nunha listaxe de palabras aparece recollido o termo migallo, insistíndose no seu carácter caritativo, coma limosna, e vinculada ao día de Defuntos. Será neste mesmo xornal no que, dous anos despois, veremos unha versión un pouco diferente dos migallos. Nesta ocasión, a narración fálanos da celebración do día Defuntos en Ares. O autor móstrase descontento polo que considera unha irrespetuosa, anácronica e ancestral mostra de "pedigüeñería" Segundo este relato, os migalleiros e migalleiras piden esmola invocando aos defuntos e ánimas benditas. Se ben, neste caso o donativo faise en  moedas.
O "Proxecto  Socheo" documentou a práctica  da  "Esmola de Defuntos" na área de Tui, mediante a recollida de testemuños orais. Segundo as súas fontes, este costume tería lugar o día 2 novembro, no que os rapaces ían polas casas pedindo esmola, se ben, en ocasións eran eles quen a entregaban polas casas dos veciños. Esta, polo xeral, consistiría en productos  agrícolas ou doces,  sendo infrecuente a doazón en moedas. Tal e como sinálase no artigo de Proxecto Socheo, a forma da esmola dependía do contexto no que se ubicaba a casa, así poís, no espazo urbán era máis frecuente que o donativo  fixésese en diñeiro. 
                       Extracto do xornal "El Pueblo Gallego" da edición do día 9 de novembro de 1929


 No  ano 1939 atopamos en "El Compostelano" unha detallada descrición sobre  a tradición do migallo en Monforte. Son as persoas pobres as que o piden polas portas das casas, poudendo darse dúas situacións: que os moradores da casa non queiran dar o migallo, polo que, en contrapartida, recibirán un "castigo", que consistirá, polo xeral, en molestar aos que están na casa, por exemplo batendo nas portas e ventás. Con todo, no caso de que a resposta dos da casa sexa positiva, recibirán o agradecemento dos peticionarios. Isto en forma de bos desexos  e bendicións dirixidas aos moradores e os seus defuntos, expresadas mediante unha serie de formula fixas: "¡Vaya pol-a y-alma d´os que deixaron pan à casa! ¡Nosa Señora d´os Romadios os teña d´a sua man!" ou "¡Dios  te regale n-o ceyo e n-a terra! ¡Vaya po-a y alma d´os difuntos todos d´a casa!"
Vemos de novo esa interpelación as ánimas que xa atopáramos no artigo sobre os migallos en Ares. De maneira semellante o Proxecto Socheo recolleu unha composición que a rapazada recitaba na súa rolda:

“A limosniña dos defuntos
que morremos todos xuntos
debaixo dun cunco”.
“A limosniña dos defuntos
que morreremos todos xuntos
a limosniña dos defuntos
alá nos veremos todos xuntos”.

 Esta  pregaria, segundo sinalase no artigo do mencionado proxecto, podía presentar variantes ou aparecer simplificada.
Respecto a data no que se pedía o migallo, o artigo de "El Compostelano" dinos que en Monforte tiña lugar no Día dos Defuntos, mentres que Cesuras facíase unha semana despois.  Non era esta a única diverxencia entre Monforte e Cesuras, pois tamén variaba a doazón. Así pois, mentres en Monforte o migallo era unha "limosna", probablemente de tipo monetario, en Cesuras doábase seis ou máis espigas de millo.



                                           Extracto do xornal "El Compostelano" da edición do día 13 de decembro de 1939

 
Conclusión:

 Documéntase unha forte  presencia  da tradición dos migallos na nosa comarca ( de 5 referencias na hemeroteca dúas delas proveñen da comarca de Ferrol)
A data xenérica dos migallos era ben o día un ou dous de novembro, non obstante, como xa temos visto,  non sempre era así. Isto pode deberse ao solapamento deste costume con outras.
O nome desta tradición pode aparecer ben en singular ou en plural ( O migallo ou Os migallos) poudendo incorporar o matiz de "todos os santos". Pola súa banda, o Proxecto Socheo recolle a denominación de Esmola de Defuntos, neste caso tendo a denominación unha clara connotación  caritativa. Se ben, non está claro que Os migallos sempre tiverna este carácter de esmola. Na historia do mariñeiro sinistrado Os migallos trátanse dalgún producto alimenticio propio do Día de Todos os Santos. A mesma idea aparece recollida no dicionario de Piñol, introducindose o matiz de que, estes productos elaborados con froitos ou castañas intercambiábanse entre os membros da comunidade. Catro anos despois do suceso do mariñeiro, Valladares diferencia dous tipos de migallos, unha coincidente coa idea dun producto feito de noces e castañas, e outra versión na que este producto, neste caso un bolo de castaña, dase como esmola. Xa  no século XX vemos como en Ares e Monforte este donativo faise en diñeiro. Pola súa parte, do relato de "El Diario de Pontevedra"só extraemos que eran os mozos e mozas quen pedían os migallos, sen especificarse que foran de procedencia especialmente humilde. Aínda contamos con unha outra referencia sobre un xogo chamado  "Migallo" que se daba en Ribadavia nos anos 20. Se ben, consideramos que este xogo do Migallo non ten relación có noso Migallo ou Migallos

                       Extracto do xornal "El Pueblo Gallego" da edición do día 12 de maio de 1926


 Coincidimos poís co Proxecto Socheo cando suxiren que en tempos de crise o costume dos Migallos puido evolucionar cara unha práctica caritativa ou verse reforzada esta faceta. Se ben, polas poucas referencias coas que traballamos non cremos posible afirmar isto, nen tentar establecer unha cronoloxía con elas. Non obstante, sí que parece posible falar de diferenzas locais ou territoriais.
Por último, tamén queremos facer nosa a reivindicación do Proxecto Socheo, ao respecto da importancia de recuperar esta tradición, por sernos propia e polo seu  carácter socializante. 



Webgrafía:


  • Proxecto Socheo [ consultado o 31 de outubro de 2018] "Esmola de Defuntos" https://proxectosocheo.wordpress.com/category/esmola-de-defuntos/ 

  •  Asociación de Escritores en Língua  Galega "Actas das III Xornadas de literatura de tradición oral. Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas" 2005. http://www.aelg.gal

  • Biblioteca dixital Galiciana http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do









Comentarios