Nota de prensa: visita guiada á exposición de Pedro Guimarey Filgueiras no Centro Cívico de Canido


NOTA DE PRENSA


A ASOCIACIÓN CULTURAL FERROLTERRA ANTIGA ORGANIZA UNHA VISITA GUIADA Á EXPOSICIÓN SOBRE O ESCRITOR PEDRO GUIMAREY FILGUEIRAS NO CENTRO CÍVICO DE CANIDO


Ferrol, 22 de Xaneiro de 2019.

A Asociación Sociocultural Muíño do Vento coa colaboración do Concello de Ferrol inauguraron recentemente (decembro de 2018) unha exposición sobre a vida e obra do escritor Pedro Guimarey Filgueiras, asasinado tras o golpe de Estado de 1936. Esta exposición foi o corolario a un amplo abano de actividades que foron dende creación dun facsímile sobre a súa obra “Pepa Andrea” cun estudo histórico sobre o autor e a obra, unha interpretación radiofónica da obra anteriormente citada, así como un emotivo acto de homenaxe e colocación dunha placa na casa consistorial.

A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga tivo a honra de participar colaborando en todas estas actividades, concretamente facendo o estudo histórico, biográfico e da súa obra. A través dos documentos da familia e de múltiple información bibliográfica puidemos trazar os aspectos básicos da súa figura e do seu contexto histórico.

E por este motivo, que o vindeiro sábado día 26 de xaneiro, ás 11 horas da mañá faremos unha visita guiada pola exposición, actualmente no Centro Cívico de Canido. A entrada é de balde e a asistencia é libre, e actuarán como guías os creadores de parte destes textos e historiadores de Ferrolterra Antiga.

Cremos que esta actividade pode aportar á cidadanía un valor engadido, que non sexa meramente a recepción da información  e imaxes dos paneis, senón un relato da súa figura a través do tempo que lle tocou vivir.

Animamos a toda a cidadanía a participar nesta actividade. Axuntamos o cartel da actividade nos arquivos adxuntos do correo electrónico.

Máis información en: https://www.facebook.com/events/673023489765780/ 

Agradecendo de antemán a vosa atención, recibide un cordial e afectuoso saúdo.



Comentarios